O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra xa fixo oficial as subvencións que a Deputación repartirá entre os concellos adheridos ao Plan Revitaliza para contratar 40 mestres composteiros.
Os gobernos locais interesados terán agora ata o 27 de xuño para presentar as súas solicitudes ás axudas, que serán concedidas en función da poboación e da implantación da compostaxe en cada localidade.
Segundo explica o vicepresidente César Mosquera, e tal e como está recollido nas bases da convocatoria, aínda que a colaboración dos técnicos provinciais está garantida durante a posta en marcha dos proxectos de compostaxe nos distintos concellos, a intención da Deputación é que estes vaian dotándose paulatinamente de persoal propio que poida dar continuidade aos traballos.
Coa finalidade de facilitar o seu labor aos concellos implicados no Plan Revitaliza, a Deputación de Pontevedra decidiu abrir unha convocatoria de subvencións destinada a financiar o custo salarial das persoas necesarias para o seguimento e execución do novo sistema de tratamento de residuos orgánicos durante o período 2018-2020.
Ademais, o propio organismo provincial porá en marcha un proceso selectivo único no que se creará unha bolsa de emprego para ir dotando de persoal aos gobernos locais en función de necesidades.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.