Coronavirus Makers é un dos exemplos altruístas que nesta pandemia xurdiron para axudar desde o ámbito particular. Formaron xa unha importante comunidade social para realizar material sanitario a través da tecnoloxía de impresión 3D.
No caso de Galicia son xa unhas mil trescentas persoas as que se sumaron ao colectivo como conta Said: "hai moitísima xente colaborando como e onde pode. Deseñadores, enxeñeiros, xente do montón, ou personas con loxística para facer chegar o material".
Como é o procedemento? Unha vez que a persoa voluntaria conta co filamento, acetatos ou o pvc necesario, pasa a imprimilo coas súas impresoras 3D e "coas medidas profilácticas debidas méteas nunha bolsa hermética e lévaas a algunha das farmacias coordinadas connosco".
Cofano recólleas e entrega no centro de loxística e de aí van ao centro de loxística do 061. Son eles xunto ao Sergas quen xestiona a entrega para que chegue ao seu destino final.
Polo momento no caso de Galicia, Coronavirus Makers xa entregou ao 061 a primeira caixa con cen viseras. Algunhas delas saíron da impresora 3D que o pontevedrés Tino Mosquera ten no seu domicilio. É enxeñeiro informático e compaxina o teletraballo coa impresión das viseras.
"A pasada fin de semana decateime polos medios de comunicación de que existía Coronavirus Makers, busqueinos, metinme e empecei a colaborar. Téñoa imprimindo todo o día, cando termina pola noite para e á mañá cando me levanto volvo poñer a imprimir", conta.
"Ver o que está a suceder co material sanitario e que se pode axudar coas ferramentas das que dispós, é motivo máis que suficiente para botar unha man. Non hai moito máis que pensar", di Tino.
Tampouco o pensou outra das persoas que está a colaborar na cidade como provedor de pvc. Juan Riveiro é propietario dunha copistería que tivo que pechar con motivo do estado de alarma.
"Preguntoume un amigo se eu tería tapas das encadernacións para facer as pantallas da viseras. Ao explicarme a iniciativa xa loxicamente brindeime a doar as 500 que tiña dispoñibles e estou a contactar con provedores para tratar de conseguir máis", asegura.