Os emprendedores achéganse a Pontevedra a través da Conferencia Ibérica de Emprendemento

Pontevedra
15 de outubro 2014

Este congreso vai desenvolverse entre o 23 e o 26 de outubro no Centro Social Afundación coa presenza de 400 asistentes e máis de 60 ponentes que aportarán as súas experiencias sobre proxectos emprendedores

Presentación da Conferencia Ibérica de Emprendimiento

As persoas con interese en desenvolver un proxecto empresarial emprendedor teñen unha cita entre o 23 e o 26 de outubro en Pontevedra con motivo da celebración da cuarta edición da Conferencia Ibérica de Emprendemento, organizada pola Universidade de Vigo e Associaçao Portuguesa para o Empreendedorismo.

Neste evento está previsto que se reúnan catrocentos emprendedores, empresarios e investigadores, segundo anunciaron esta mañá a deputada Ana Isabel Vázquez, o director Pedro Figueroa e o vicereitor da Universidade de Vigo, Juan Manuel Corbacho, acompañados pola concelleira de Promoción Económica do Concello pontevedrés, Carlota Román.

Esta iniciativa ten como obxectivo dinamizar o sistema de emprendemento entre España e Portugal por medio da cooperación entre a administración, a empresa e a universidade.

Juan Manuel Corbacho destacou o encaixe desta iniciativa no Campus Crea da cidade, que xa se ve reflectido no lema da conferencia "Crea para emprender, emprende para crear".

O director do evento, Pedro Figueroa, subliñou que Pontevedra lle vai dar unha nova orientación a esta conferencia anual que, nas anteriores edicións, se celebrou en Cascais, Madrid e Lisboa. Celebrarase unha xornada científica para expoñer estudos e avances que, dende o ámbito académico, se realizaron en relación coemprendemento.

As xornadas desenvolveranse no Centro Social Afundación, cunha inauguración, o día 23 de outubro, a través de dúas mesas redondas sobre Ecosistema Emprendedor e Investidores & Invertidos, a presentación de 6 iniciativas emprendedoras de éxito e unha conferencia de clausura a cargo de Álex Barrera, que analizará o que se fai en Europa para iniciar proxectos. O 24 haberá unha xornada científica, na que se presentarán trinta artigos científicos, coa intervención do director executivo do GEM (observatorio internacional da actividade emprendedora), Ricardo Hernández, e unha mesa redonda sobre o emprendemento baseado na I+D Universitaria.

Máis de 60 relatores nacionais e internacionais ofrecerán, durante os catro días que dura o Congreso, a súa visión sobre experiencias de investidores, directores de aceleradores de negocio ou incubadoras de empresas.

A asistencia é gratuita, tras inscribirse na páxina: www.ciem2014.com