Afirman que en moitas ocasións non poden acceder coas súas mochilas tanto a museos como a cinemas. Nesas mochilas levan as súas bolsas de ostomía ou os seus alimentos para facer fronte a casos de hipoglucemias. Os pacientes de enfermidades intestinais e os diabéticos queren reivindicar o seu dereito para poder acceder a espazos públicos co material que precisan para poder facer fronte as súas enfermidades e para iso realizarán, na primeira actividade conxunta entre Anedia e Asseii, unha visita ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña durante este domingo 21.
Alí, os máis de 80 inscritos para esta viaxe teñen previsto visitar tamén o Domus e o Acuario. Con esta actividade, os responsables de Anedia e Asseii, Ana Pérez e Víctor Loira, pretenden que os pacientes destas enfermidades asuman con normalidade estas experiencias e non se atopen limitados para vixiar e asistir a espazos públicos.
Víctor Loira, que padece a enfermidade de Crohn, denunciaba na presentación desta viaxe realizada no Concello de Pontevedra que non pode asistir aos cinemas porque lle impiden entrar coa súa mochila na que leva un recambio da súa bolsa de ostomía. O mesmo sucede con moitos nenos diabéticos, indica Ana Pérez, atópanse con dificultades para acceder a museos e a cinemas cos alimentos que precisan para evitar hipoglucemias.
A esta cita asistirán familiares e pacientes de enfermidades intestinais e diabéticos de toda Galicia, que durante a tarde manterán un encontro para analizar a situación das asociacións e as actividades que teñen previsto desenvolver ao longo de 2016.
O prazo para inscribirse nesta actividade péchase ás 23.59 horas deste martes 16 e os interesados poden apuntarse a través dos correos electrónicos: [email protected] ou en [email protected]