O ámbito de Santa María quedará practicamente renovado con dúas novas actuacións de reforma urbana que se realizarán con cargo a unha nova convocatoria da área de rehabilitación integral (ARI) do centro histórico de Pontevedra.
O Concello destinará 126.050 euros -máis o IVE correspondente- na licitación de obra pública que se inclúe dentro desta nova fase do ARI, segundo avanzou a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías.
En concreto, acometerase a reforma do segundo tramo da rúa Eirado de Alvar Páez, xunto ao entroncamento coa rúa San Martiño. Esta última será renovada na súa totalidade.
O goberno municipal destaca que en ambos os casos será unha obra "sinxela" e ademais de cambiar o pavimento tamén se renovarán os servizos soterrados e a iluminación pública.
No caso de Eirado de Alvar Páez, o seu aspecto será idéntico ao primeiro tramo con chapa cuña nos laterais e co centro construído en pedra; mentres que San Martiño será reurbanizada en pedra, sendo a mesma estética que gran parte do centro histórico.
As dúas actuacións licitaranse de maneira conxunta unha vez se complete a tramitación administrativa. O seu prazo de execución é de cinco meses.