As obras de reforma urbana da rúa San Martiño xa están en marcha. Esta actuación, que tamén inclúe a rehabilitación do segundo tramo da rúa Eirado de Alvar Páez, comezou este mércores.
Os operarios da empresa Elsamex, que será a responsable de acometer esta reforma, xa se atopan actuando na zona.
As obras execútanse con cargo á área de rehabilitación integral (ARI) do centro histórico e foron adxudicadas por 138.303 euros. Teñen un prazo de execución de cinco meses.
A intervención na rúa San Martiño inclúe ademais do pavimentado en pedra, a renovación dos servizos e da iluminación.
Pola súa banda, as obras previstas no tramo final de Eirado de Alvar Paez e o seu entroncamento con San Martiño seguirá a estética da primeira fase, con chapacuña nos laterais da rúa e a pedra habitual da zona vella no espazo central.
Con estas dúas reformas, o Concello destaca que quedará completada a renovación da parte traseira do Campiño de Santa María.