Os informes elaborados polos técnicos de urbanismo do Concello rexeitan a moción presentada polo Partido Popular para levar a cabo unha suspensión temporal de licenzas para a instalación de plantas de compostaxe en solo rústico. O tema foi fóra da orde do día á comisión de Urbanismo deste martes 9 pero os representantes populares reclamaron que o tema se trate nunha nova comisión debido á ausencia do seu portavoz, Jacobo Moreira.
O informe técnico sinala que a conclusión é que os termos para esa suspensión solicitada non se adaptan á normativa aplicable ao entender que o alcance desta decisión afectaría a proxectos de compostaxe individual ou comunitaria en calquera vivenda instalada en chan rústico.
O secretario de plenos tamén emitiu un informe negativo ao entender que non se pode suspender unha licenza sen causas que o xustifiquen e entende que a solicitude dos populares non leva asociados motivos concretos.
A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva indicou que o Concello no tema da xestión do lixo atópase obrigado a exercer as súas actividades xa que entre as súas obrigacións ten que recoller os residuos urbanos e tratalos.