Os luns ao Sol, lema do proxecto gañador do concurso de ideas para o mercado de abastos de Sanxenxo

Sanxenxo
23 de novembro 2020

O xurado reuniuse este luns para repasar as maquetas dos finalistas. O gañador propón un edificio multifuncional con aparcadoiro, espazo gastronómico e zona  gourmet  

Maqueta do proxecto Luns ao Sol, gañador do concurso de ideas do mercado de abastos de Sanxenxo
Maqueta do proxecto Luns ao Sol, gañador do concurso de ideas do mercado de abastos de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

O concurso de ideas para a construción do novo mercado de abastos de Sanxenxo xa ten gañador. O proxecto co lema “Os luns ao sol” foi o vencedor. Así o decidiron este luns os membros do xurado que se reuniron na Sala Nauta para volver visualizar as maquetas dos finalistas.

A proposta gañadora expón un edificio multifuncional acristalado de cinco plantas e dous sotos destinados a aparcamento público. A primeira e segunda planta estarán destinadas ao mercado de abastos e espazo gastronómico; as plantas intermedias dedícanse á biblioteca municipal, sala de lectura e espazos polivalentes. A quinta está pensada como espazo gourmet. Ademais do premio económico de 20.000 euros, a proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto.

En canto á contorna, “Os Luns ao Sol”, propón manter a circulación rodada existente na contorna completando a pacificación da Rúa Madrid e reducindo o uso do vehículo privado na contorna. A saída de vehículos no extremo oeste permitiría unha incorporación rápida á Rúa Progreso. Esta pacificación, sinala o proxecto, “complétase co funcionamento en rede do edificio, programando eventos puntuais vinculados á gastronomía e os produtos do mercado”. 

O segundo premio, dotado con 6.000 euros, foi para “ Filandón” e o terceiro, con 3.000 euros, para “ Sanxen0204”. Recibiron accésits de 500 euros os proxectos: “Espazo”, “ Furancho”, “Mero”, “Praza Planta” e “Vestíbulo Urbano”. As identidades dos autores dos proxectos daranse a coñecer nun acto público, vía streaming, o vindeiro xoves, 26, onde se procederá á apertura de sobres das distintos lemas que permanecen pechados e custodiados no Concello de Sanxenxo.