Os mellores proxectos científicos de Secundaria e FP poderán verse en Forestais a finais de maio

Pontevedra
07 de marzo 2019

A Feira de ciencia escolar que se realiza en Pontevedra por sexto ano consecutivo, premiará con 300 euros aos mellores proxectos científicos realizados por estudantes de Secundaria e Formación Profesional

Presentación da II Edición Premios Pontenciencia
Presentación da II Edición Premios Pontenciencia / Victoria Regueira

Coincidindo coa celebración da sexta edición de Pontenciencia, feira de ciencia escolar que se realiza en Pontevedra, regresa a II Edición de Premios deste evento, dirixida a estudantes de Secundaria e Formación Profesional (FP) nos que contan coa colaboración da Universidade de Vigo.

Na presentación realizada na mañá deste xoves, Carmen Fouces, concelleira de Educación, avanzou unha novidade para esta edición. Este ano, en lugar de participar catro empresas do sector empresarial de Pontevedra, participan cinco. A Hifas da Terra, Cristalería Pontevedresa, Orballo e SETGA únese Viaqua, e outorgarán premios de 300 euros cada un.

Outra novidade é que o comité de avaliación é diferente entre os escolares de primaria, e os de Secundaria e FP, onde avaliarán persoas pertencentes ao mundo da enxeñería. Por outro lado, as categorías para presentar os traballos seguen sendo as mesmas que o ano anterior ao tratarse de tres seccións: a grupal, a individual e a do centro educativo.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo destacar a importancia de potenciar a ciencia no ensino e completar a formación dos escolares non só na universidade, e afirmou que "se non hai investigación e innovación, malamente poderemos competir internacionalmente".

A sexta edición da Feira Pontenciencia celebrarase os días 31 de maio e 1 de xuño na Escola de Enseñería Forestal do Campus de Pontevedra. A inscrición estará aberta ata o 3 de maio e poderá realizarse enviando un correo a [email protected]