A Rúa Víctor Pita pecharase ao tráfico dende primeira hora da tarde do luns co obxecto de facilitar a gravación de varias escenas da serie de televisión "Fariña" que Bambú Producciones está a rodar en Vilagarcía e a súa comarca estes meses.
O corte, entre as 15 horas do luns e as 03 da madrugada do martes, afectará ao tramo comprendido dende o enlace da rúa Víctor Pita co Parque Dona Concha por un extremo, e polo cruce co Rúa A Rosaleda no outro. Os vehículos deberán desviarse en ambos sentidos pola Rúa Miramar ou optar pola estrada xeral entre Vilagarcía e Vilaxoán.
Segundo explicaron dende a produtora, a rodaxe da serie terá como escenarios o exterior e interior da antiga nave da conserveira Cuca. A gravación das escenas prolongarase durante boa parte do día é o corte de tráfico é preciso para evitar ruídos que interfiran no normal desenvolvemento dos traballos.
Tanto o peche de tráfico como os desvíos estarán convenientemente sinalados.
Nestes momentos son dúas as series que se están a rodar en Vilagarcía, "Fariña" para Antena 3 e "Vivir sin permiso" para Tele5.