Os nenos de Cuntis e "o mundo que queremos"

Umia
09 de decembro 2015

Este mércores comeza unha nova edición de ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’, un proxecto de educación para o desenvolvemento, no que participan os alumnos de dous centros da provincia de Pontevedra, entre eles os do colexio Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis   

El mundo que queremos Elmundoquequeremos.org

Este mércores comeza unha nova edición de ‘Cooperación Galega: O mundo que queremos’, un proxecto de educación para o desenvolvemento, no que participan os alumnos de dous centros da provincia de Pontevedra, entre eles os do colexio Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis.

Esta iniciativa educativa chega a varios centros escolares galegos e pretende promover a reflexión do alumnado sobre a conexión existente entre as realidades locais e as desigualdades globais, concienciando e implicando as novas xeracións na responsabilidade que todas e todos temos na construción dun mundo máis xusto e equitativo e utilizando para iso o potencial educativo da comunicación (podcast, imaxes, música e teatro) como medio para sensibilizar e transformar.

O fío temático son os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), así como experiencias de medios comunitarios vinculados a proxectos de cooperación internacional que serán presentados nas aulas a través de obradoiros de radio e fotografía e representacións de pezas do chamado ‘teatro da oprimida’. Tras os obradoiros, os rapaces terán que crear os seus propios proxectos radiofónicos e fotográficos.

Todo o proceso de intercambio entre as diferentes realidades culminará na visita aos centros educativos de persoas dos países do Sur vinculadas á proxectos de cooperación para o desenvolvemento, e un encontro final intercentros no que todo o alumnado participante gozará dun concerto e amosará os traballos radiofónicos e fotográficos realizados durante estes meses de traballo.