Os pagamentos de varias taxas municipais en Poio poderán fraccionarse ata en seis meses

Poio
18 de maio 2020

Segundo o goberno local, esta posibilidade de fraccionar os pagamentos non suporá recargas ou costes a maiores. Trátase dunha medida adoptada para paliar as dificultades económicas xeradas pola crise da Covid-19. O pleno extraordinario deste martes será o primeiro vía telemática e poderá seguirse por Youtube

Pleno da corporación de Poio
Pleno da corporación de Poio / Concello de Poio

A comisión de Urbanismo deste martes en Poio servirá para aprobar o Padrón Fiscal e de Servizos que se corresponde aos meses de marzo e abril de 2020, en relación coas taxas vinculadas a prestacións como a rede de saneamento ou o abastecemento. Trátase de impostos con pagos que quedaron en suspenso coa entrada do estado de alarma.

Agora, o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, anunciou que o Concello habilitará unha liña para aprazar o pago destes recibos. Prolongarase ao longo de seis meses sen custo ou  regargo adicional para a cidadanía.

Segundo explicou o concelleiro responsable da área, pódense acoller a este fraccionamento tanto as persoas que teñan domiciliado o pago das taxas como aquelas que non. Barreiro confirmou que os contribuíntes que opten por descartar este fraccionamento contarán cun mes a maiores para realizar a cobranza. O período de dous meses pasa a ser de tres, de forma que se poderá realizar ata principios do mes de xuño.

Os documentos e formularios necesarios poderán descargarse da web municipal. O concelleiro de  Facenda tamén afirmou que se estuda o encaixe legal doutras fórmulas para axudar aos negocios que paralizaron a súa actividade durante os meses de confinamento. O Concello estuda unha modificación da ordenanza correspondente, atendendo aos informes de  Tesourería, para poder levalo ao pleno para a súa aprobación no menor tempo posible.

PLENO TELEMÁTICO E POR YOUTUBE

Este martes 19 celebrarase a partir das 09.30 horas, a primeira sesión plenaria da corporación despois de que se decretase o estado de alarma. Será tamén a primeira sesión telemática e poderase seguir en directo a través da canle de Youtube Plenos do Concello.

A convocatoria ten carácter extraordinario, co obxectivo de axilizar a tramitación de varios expedientes e debaterase o Plan Económico Financieiro 2020-21 e tamén sobre o Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.