O goberno local de Poio anuncia que nos próximos días convocarase un pleno extraordinario da corporación, que se realizará vía telemática, coa intención de aprobar a ordenanza fiscal que regula o servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.
Aprobarán unha medida de carácter excepcional para aplicar bonificacións do 100% a autónomos e profesionais de negocios que demostren que se mantiveron inactivos durante o estado de alarma. Terán que presentar unha Resolución do Servizo de Emprego e Economía Social da Consellería de Emprego e Industria ou a través dun informe da vida laboral, en caso dos profesionais autónomos. Esta documentación débese presentar co modelo de declaración responsable.
Con esta decisión, desde o goberno local sinalan que se tenta minorar os problemas económicos que padecen os contribuíntes con motivo da crise social provocada pola pandemia. Este xoves tratábase esta medida na comisión extraordinaria de Facenda.
Tamén se aprobará a devolución daquelas taxas cobradas pola instalación de postos de venda en terreos públicos municipais ao non poderse desenvolver esas actividades durante o confinamento. Isto afecta tanto as terrazas dos establecementos hostaleiros como ao mercado ambulante de Combarro que ata a Fase 1 mantivéronse inactivos.
A devolución destes pagos realizarase a través da compensación do importe resultante do cobre destas taxas durante o próximo ano 2021. Tamén se decidiu condonar os contratos de aluguer dos quioscos de Costa Xiráldez, en Lourido e na Seca, durante o tempo en que non puideron abrir.
50.000 EUROS INVESTIDOS NA LOITA CONTRA A COVID-19
O Concello de Poio anuncia que investiu preto de 50.000 euros na loita contra a pandemia. Adquiríronse produtos farmacéuticos e sanitarios, ademais de material de protección e de reforzo do servizo de limpeza en dependencias de titularidade municipal. Nestes casos, o custo superou os 28.000 euros.
Outros 21.000 euros destináronse ao Fondo de Emerxencia Social para prestar auxilio a familias que se atopan en risco de inclusión. O diñeiro destinouse á adquisición de alimentos e ao pago de facturas de aluguer e de consumo eléctrico.