Os pais do Álvarez Limeses demandan ao Concello por unha subvención

Pontevedra
24 de xuño 2015

A xunta directiva da Anpa formalizou esta semana un recurso contencioso-administrativo por presuntos incumprimentos no procedemento e as bases de concesións de subvencións a Anpas por parte da Administración local e pola resolución municipal pola que se lle concede unha axuda ao seu colectivo

Directiva da ANPA do colexio Álvarez Limeses Mónica Patxot

A asociación de nais e pais de alumnos (ANPA) do CEIP Álvarez Limeses levou ao Concello de Pontevedra aos tribunais por presuntos incumprimentos no procedemento e as bases de concesións de subvencións a Anpas por parte da Administración local e pola resolución municipal pola que se lle concede unha axuda ao seu colectivo.

A xunta directiva da Anpa formalizou esta semana un recurso contencioso-administrativo co que cumpre coa decisión que a Asamblea Xeral Extraordinaria acordou de forma unánime o pasado 23 de marzo

Segundo deu a coñecer o colectivo, un dos motivos polos que decidiron ir á vía xudicial é que a Concellería de Educación "incumpriu as súas propias bases da convocatoria". Consideran que o procedemento "está infestado de irregularidades que atañen decisivamente á súa legalidade".

Ademais, segundo o estudo que fixeron das bases, estas vulneraron as leis estatal e galega sobre subvencións e a actuación municipal derivou nunha situación de "indefensión, inseguridade xurídica e violación dos principios de publicidade e igualdade", entre outros.

Entre as formas de actuar que cuestionan, destacan que o Concello non contestou o seu recurso de revisión e non aceptou a rectificación dun erro tipográfico na solicitude, despois de poñelo en coñecemento das persoas responsables do procedemento. Isto último "significa unha resolución inxusta con coñecemento por parte das mesmas".

A xunta directiva fai un repaso por algúns dos conflitos que se rexistraron nos últimos tempos no ámbito educativo: limpeza dos centros educativos e comedores, obras no CEIP Froebel ou orde do banco de libros da Xunta de Galicia. Na súa opinión, todas estas situacións, que se atribúen tanto ao Concello como á Xunta, denotan que os dirixentes públicos "non se está a tratar a ensinanza coa consideración que se debe". "Cómpre que a sociedade sexa quen de pór o foco no tipo de educación que queremos ter para mellorar o futuro dos nosos cativos", conclúen os pais do Álvarez Limeses.