Os parques infantís de Pontevedra abrirán a partir do luns

Pontevedra
11 de xullo 2020

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explicou que se realizarán tarefas de desinfección diarias para cumprir coas directrices establecidas dende a Xunta e que se instalarán en tódolos parques os novos carteis da rede Verde Urbano co Loro Ravachol incorporado e coas normas de uso

Un dos parques infantís de Pontevedra
Un dos parques infantís de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Os máis pequenos volverán aos parques da cidade a partir do vindeiro luns, unha vez que o Concello de Pontevedra estableceu os límites de aforo de cada zona de xogo, adquiriu os dispensadores de hidroxel para instalalos nos seus accesos e elaborou unha cartelería específica coas medidas especiais de protección contra a Covid-19 que os nenos e as súas familias deberán respectar na nova normalidade.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica se realizarán tarefas de desinfección diarias para cumprir coas directrices establecidas dende a Xunta e que o seu departamento instalará en tódolos parques os novos carteis da rede Verde Urbano co Loro Ravachol incorporado e coas normas de uso.

Entre as regras que deberán cumprir os rapaces e as súas familias están a de non sobrepasar en ningún momento o aforo máximo de persoas (nenos/as e adultos) que poden permanecer ao mesmo tempo no recinto do parque infantil; a necesidade de desinfectar convenientemente as mans coa solución hidroalcohólica á entrada (os dispensadores iranse instalando de xeito progresivo) ou, no caso de menores de 2 anos, cunha solución xabonosa, e o cumprimento de medidas básicas de autoprotección, como a hixiene frecuente de mans, non tusir directamente ao aire ou nas mans, non tocar a cara, o nariz e os ollos e abandonar o recinto ante calquera síntoma compatible coa Covid-19.

"Unha vez dentro da zona de xogos -sinala Iván Puentes- débese manter a distancia interpersoal de seguridade (1,5 metros) entre tódalas persoas ou, de non ser posible, utilizar máscaras. Aínda que todos os elementos dos parques infantís serán limpados e desinfectados diariamente pola Concello, recomendamos que, adicionalmente e de xeito voluntario, se aplique unha pequena cantidade de solución hidroalcohólica nas zonas de contacto de cada xogo antes do seu uso".

Nos carteis figura ademais o teléfono de información sobre o coronavirus (900 400 116) e do servizo de Emerxencias (112).

Desta maneira, o servizo municipal de Parques e Xardíns desenvolverá ao longo das xornadas do sábado e do domingo traballos de limpeza en profundidade e retirada de follaxe, destinados a deixar as zonas de xogo en perfectas condicións nesta 'estrea' tan desexada.

Para iso, a concellería de Desenvolvemento Sostible realizará "un investimento duns 50.000 euros" dos que 15.000 irán destinados á adquisición e colocación de dispensadores (algúns deles automáticos) e outros 15.000 "a garantir a limpeza e desinfección polo período dun mes". 

O socialista pon en dúbida que outros concellos "teñan sido tan estritos como o de Pontevedra no cumprimento das normas e a adecuación dos parques de xogo", entre outras cousas porque o seu departamento "preguntou á Xunta como se debía efectuar o cálculo dos aforos", aclarándose cuestións como a necesidade de incluír os elementos de xogo no mesmo, e de realizar unha contratación específica para garantir esa desinfección de luns a domingo.