Os patinetes que superen os 25 km/h necesitan permiso de circulación, matrícula e seguro

O Salnés
18 de outubro 2022

Non todos os patinetes eléctricos deben ser definidos como vehículos de mobilidade persoal (VMP) e, por tanto, están exentos da autorización administrativa para a circulación. Así o advirte o xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra

Moza en patinete polas rúas de Pontevedra PontevedraViva

Non todos os patinetes eléctricos deben ser definidos como vehículos de mobilidade persoal (VMP) e, por tanto, están exentos da autorización administrativa para a circulación.

Así o advirte o xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra que, nunha sentenza que xa é firme e contra a que non cabe recorrer, conclúe que os patinetes que superen o 25 km/h deben ser considerados como ciclomotores.

Desta forma, para poder circular con eles, os seus propietarios deben ter permiso de circulación, contratar un seguro obrigatorio e matriculalos, sentencia o xulgado pontevedrés.

Faino tras desestimar o recurso interposto polo dono dun patinete eléctrico contra a resolución do Concello de Vilagarcía que, o 13 de outubro de 2021, ordenou inmobilizar o seu patinete por entender que se trataba dun ciclomotor e non dun VMP.

Desta forma, a maxistrada decretou que o recorrente deberá abonar as taxas correspondentes -77 euros- para retirar o patinete eléctrico dos depósitos municipais.

Na sentenza, a xuíza estima que o vehículo que usaba no momento da denuncia "alcanzaba e era hábil para superar o 25 km/h", que segundo engade "é o que conta para os efectos da tipicidad da conduta".

“Resulta indiferente coñecer a velocidade exacta á que circulaba o dispositivo ou a máxima que poida alcanzar, sendo suficiente probar que se excederon ou que se acha en disposición de circular a velocidades superiores a 25 km/h”, recalca a maxistrada no fallo.

Incide en que, nestes casos, o tipo infractor consiste en conducir un vehículo carecendo da necesaria autorización administrativa "e non facelo a unha determinada velocidade".

Por iso, conclúe que o patinete empregado polo demandante, debido á velocidade que pode alcanzar, non está comprendido nos vehículos definidos como VMP.