Os pensionistas volven á rúa: "Non nos fiamos" dunha suba que ven un "espellismo"

Pontevedra
05 de maio 2018

Centos de pensionistas retomaron este sábado as mobilizacións en toda Galicia porque aseguran que "non nos fiamos" do pacto alcanzado polo Goberno central e o PNV para a subida das súas prestacións de xubilación. Trátase dun acordo que cualifica como un "espellismo", xa que este aumento non consolidará as melloras que levan meses reclamando

Concentración de pensionistas en Pontevedra, convocada por Modepen
Concentración de pensionistas en Pontevedra, convocada por Modepen / PontevedraViva

Centos de pensionistas retomaron este sábado as mobilizacións en toda Galicia porque aseguran que "non nos fiamos" do pacto alcanzado polo Goberno central e o PNV para a subida das súas prestacións de xubilación. Trátase dun acordo que cualifica como un "espellismo", xa que este aumento non consolidará as melloras que levan meses reclamando.

En Pontevedra, a concentración tivo lugar na Praza de España, nas inmediacións da estatua dos heroes de Ponte Sampaio. Alí, membros do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas (Modepen), colectivo convocante desta protesta, destacaron que o "problema de fondo" do sistema de pensións non se resolve con este pacto político.

O Goberno, dixeron, está "lonxe de satisfacer as nosas reivindicacións", xa que as subidas para 2018 e 2019 non se corresponden co IPC real e o aumento do 3% nas pensións mínimas é "insuficiente". Ademais, lembran que medidas polémicas como o factor de sustentabilidade "non se derroga senón que se atrasa catro anos".

Ademais, Modepen lembra que "nada se di" de recuperar o perdido desde 2010, de volver á xubilación aos 65 anos ou de retirarse sen penalización tras 40 anos cotizados, da reposición do subsidio para parados de máis de 52 anos, de eliminar o copagamento farmacéutico, de dotar "suficientemente" a dependencia ou de atender aos inmigrantes retornados.

O movemento chama, por tanto a continuar coas mobilizacións ao entender que é a "única garantía" para lograr estas melloras nun sistema de pensións que, defenden, é "perfectamente viable e sustentable".