A pandemia da Covid-19 obrigou a prorrogar o ano Xacobeo ata 2022 e con este horizonte xa traballa o Concello de Pontevedra, que este mércores presentou a campaña O Camiño Contado, unha campaña na que, a través dun vídeo, os veciños que viven ao longo do Camiño relatan historias, lendas ou anécdotas que poñen en valor a riqueza natural, cultural e patrimonial que ten o roteiro a Compostela ao seu paso polas diferentes parroquias pontevedresas.
A peza audiovisual, creada pola empresa Ab Origine, poderá verse na web e perfís de redes sociais de Visit Pontevedra. Trátase dun percorrido con diversas paradas, entre 18 e 20, en puntos sinalados do Camiño no que son as persoas as que relatan estas curiosidades que tanto gustan ao peregrino e que non aparecen nas guias oficiais.
"Os peregrinos teñen información dabondo, pero faltaban historias", confesa Rafael Quintiá, de Ab origine, un dos puntos de partida que motivaron esta campaña. Os obxectivos, explica o seu compañeiro Valentín García Bóveda, pasan por mellorar a economía circular, fomentar a divulgación cultural e favorecer a transferencia do coñecemento.
A campaña terá un segundo chanzo consistente na instalación de códigos QR en cada un destes lugares para que os peregrinos poidan capturalos cos seus móbiles e acceder directamente á historia narrada pola cidadanía. Ademais, na páxina web cada un destes elementos contará coa súa propia descripcion e ficha técnica.
"Pontevedra é a capital do Camiño Portugués", dixo Tino Lores, presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués, durante a presentación deste vídeo. Lembrou tamén que cando se comezou a relanzar este roteiro no ano 1993 "non sabiamos nin cal era o Camiño e tampouco que iamos facer historia".
A campaña está promovida pola concellería de Promoción Económica que dirixe Yoya Blanco, quen considera "fundamental" mostrar a enorme riqueza que encerra Pontevedra ao redor deste roteiro.