Os 'populares' de Caldas critican que o inaugurado edificio da Escola de Música continúe sen rematar

Umia
04 de xuño 2021

Afirman que nesta construción investíuse un millón de euros e que a edificación permanece nun "estado deplorable". Deputados provinciais do PP visitaron a zona nas últimas horas acompañados polo portavoz local Fernándo Pérez e representantes do grupo municipal

Representantes do PP diante do edificio da Escola de Música de Caldas Partido Popular

"Lamentable e deplorable", así define o Partido Popular o estado no que se atopa o novo edifico da Escola de Música e outros usos municipais en Caldas de Reis. Unha representación de deputados provinciais e do grupo local do PP co portavoz Fernando Pérez visitaban nas últimas horas este centro que foi inaugurado o 16 de decembro pola presidenta da Deputación Carmela Silva.

Os deputados Jorge Cubela e Elena Estévez comprobaron que faltan remates dunha das fachadas laterais e afirman que o edificio leva un ano funcionando con luz de obra e que o ascensor non se atopa operativo, impedindo a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida. 

Pérez indica que, tal e como se atopa a construción cun lateral sen finalizar, a instalación ofrece "un exemplo de  feísmo para un edificio novo no que se investiu un millón de euros". Tamén sinala que é inseguro ao contar con estruturas metálicas saíntes nesa mesma fachada.

A estas queixas súmase que o espazo exterior se atopa "invadido pola maleza" e lembran que a finalización da obra está certificada, cunha acta de recepción asinada polo Concello de Caldas mentres que os populares consideran que esta construción se atopa sen rematar.

Para Jorge Cubela, o edificio "é un claro exemplo da falta de rigor e seriedade que desde o Goberno de Carmela Silva tense cos concellos da provincia" e criticou os erros flagrantes como esta obra en Caldas que "prexudica aos veciños e á imaxe do Concello" ao que acusa de non facer nada para solucionar estes problemas, urbanizar a contorna e terminar o edificio. Desde o PP piden responsabilidades por certificarse a obra como finalizada "cando é evidente que non o está".