Os populares de Ponte Caldelas esixen ao alcalde que consiga os terreos para a PO-234

Ponte Caldelas
01 de decembro 2016

"A Xunta de Galicia sempre dixo que unha das condicións para a execución da obra era que se cedesen os terreos e que non houbese expropiacións, así se lle trasladou aos dous concellos, quedando estes encargados de conseguir as cesións por escrito dos terreos por parte dos propietarios", lembra o portavoz dos populares caldelanos, Ricardo Castro

Xuntanza coa conselleira de infraestructuras pola PO-234 Xunta

O Partido Popular de Ponte Caldelas volve esixir ao alcalde que traballe na consecución dos terreos para a reforma da PO-234.

Na reunión mantida este mércores entre a conselleira de Infraestruturas e os alcaldes de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, a Xunta deixou claro que executará toda a obra en canto dispoña dos terreos necesarios, cuxa consecución gratuíta deixa en mans dos concellos.

"A Xunta de Galicia sempre dixo que unha das condicións para a execución da obra era que se cedesen os terreos e que non houbese expropiacións, así se lle trasladou aos dous concellos, quedando estes encargados de conseguir as cesións por escrito dos terreos por parte dos propietarios", lembran o portavoz dos populares caldelanos, Ricardo Castro.

"Se Andrés Díaz conseguise as cesións en xuño cando llas pediu a Xunta, hoxe a estrada xa estaría en obras, pero preferiu non facelo para buscar un conflito coa Xunta en período electoral", denunciou o edil do PP.

Finalmente lembran que o anterior alcalde do PP, Perfecto Rodríguez, xa se encargou de obter a cesión por escrito dos terreos para obras en estradas de titularidade da Xunta ou a Deputación, para a construción das beirarrúas en Cuñas, a estrada de Borela ou da rotonda tamén situada en Cuñas.

Arquivado en