Os premios "Turismo Sostible Provincia de Pontevedra" recoñecerán a aposta das empresas polas boas prácticas

O Salnés
20 de decembro 2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou o lanzamento dos primeiros premios "Turismo Sostible Provincia de Pontevedra", que vai entregar na Gala Provincial do Turismo 2023

Carmela Silva abriu a xornada "Boas prácticas en xestión turística" no auditorio de Vilagarcía

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, abriu a xornada "Boas prácticas en xestión turística" no auditorio de Vilagarcía xunto ao o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o concelleiro de Turismo da cidade, Álvaro Carou. 

A presidenta anunciou o lanzamento dos primeiros premios "Turismo Sostible Provincia de Pontevedra", que a Deputación vai entregar na Gala Provincial do Turismo 2023, e que nacen co obxectivo de "visibilizar a aposta das empresas da provincia pola sostibilidade" e "recoñecer as tres mellores propostas" impulsadas por entidades turísticas vencelladas á provincia. 

"Non hai nada que nos permita avanzar máis que ver exemplos de éxito e non haberá éxito se non apostamos por un modelo sostible" remarcou a presidenta. 

Na apertura da xornada Carmela Silva enxalzou a importancia do "traballo en positivo" e remarcou tamén o papel "referencial" e de "excelencia" da provincia de Pontevedra en canto ao turismo en Galicia.

Pola súa banda, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, detallou os principais obxectivos da xornada centrados na mellora da competitividade asociada á dixitalización e sustentabilidade, "dúas ferramentas clave para facer fronte aos novos desafíos". 

A xornada afondou tanto nas boas prácticas no destino como na xestión empresarial, contando con expertos como María Troncoso, de Hostalería polo Clima; Emilio Torres, de Vía Verde e do Aceite; Paulo Queiroz, de JPQ Consultores; Rafael González, socio director de Viventia Value e Roberto Fraga, CEO de Pilgrim. 

Tamén houbo oportunidade de coñecer cuestións relativas á análise e previsión do turismo a través do Big Data, da man de Fiorella Petrone e Jaime de la Calzada de Amadeus, e sobre experiencias turísticas a través da conferencia impartida polo consultor especializado en turismo Víctor Sixto.