Os socialistas recriminan a lentitude do Ministerio de Xustiza co indulto para Ana e Tamara

Pontevedra
18 de marzo 2015

O Ministerio aínda non completou a resolución dos expedientes, malia contar cos informes favorables perceptivos do tribunal sentenciador e do ministerio fiscal dende o 17 de xullo de 2014, así como o relativo á ausencia de antecedentes penais e o de conduta

Ana e Tamara entregando máis sinaturas de apoio na Subdelegación do Goberno J.M. Lozano

O Partido Socialista criticou a lentitude do Ministerio de Xustiza na tramitación do indulto para as dúas traballadoras Ana González Outerelo e Tamara Vidal García, profesoras de ximnasia da empresa Serviocio na cidade de Pontevedra e condenadas a tres anos de cárcere por participar nunha protesta para a mellora do convenio colectivo do seu sector durante a xornada de folga en febreiro de 2010.

O Ministerio aínda non completou a resolución dos expedientes, malia contar cos informes favorables perceptivos do tribunal sentenciador e do ministerio fiscal dende o 17 de xullo de 2014, así como o relativo á ausencia de antecedentes penais e o de conduta.

A senadora Ángeles Marra esixiu este mércores á secretaria de Estado de Xustiza, Carmen Sánchez Cortés, na Comisión de Xustiza do Senado que o Executivo do PP dea unha resposta urxente para rematar coa incerteza na que están sumidas estas dúas traballadoras.

A parlamentaria do PSOE explicou que, ante a imposibilidade de presentar máis recursos, as dúas traballadoras solicitaron o indulto ante o Ministerio de Xustiza, avalada coa recollida de case 100.000 firmas de apoio nas redes sociais, con mobilizacións da sociedade de Pontevedra e o apoio de diferentes forzas sindicais, así como da propia corporación de Pontevedra e o Parlamento da Xunta de Galicia que, de forma unánime, a través dunha declaración institucional, manifestaron o seu rexeitamento a esta condena.

A continuación, puntualizou que "tamén a Audiencia Provincial e a Fiscalía de Pontevedra solicitaron o indulto parcial, con senllos informes nos que se posicionan a favor da concesión da medida de graza para Ana e Tamara. Nos devanditos informes sinálase que non houbo gravidade na comisión dos feitos, que non se apreciou indicios de perigosidade, que os danos causados foron mínimos e que foron indemnizados e que ambas as dúas profesoras carecían de antecedentes penais".