Os socialistas ven "inadmisible" que o Concello compre un local en Ferreiros

Pontevedra
06 de abril 2017

O PSdeG-PSOE tampouco apoiará a compra do local que o Concello adquirirá na rúa dos Ferreiros para unificar nel os servizos de urbanismo, tesourería e xestión tributaria. Os socialistas consideran "inadmisible" esta adquisición, ao entender que "non se sostén" en ningún informe ou estudo técnico por parte dos servizos municipais

Agustín Fernández e Paloma Castro, no pleno municipal
Agustín Fernández e Paloma Castro, no pleno municipal / Mónica Patxot

O PSdeG-PSOE tampouco apoiará a compra do local que o Concello adquirirá na rúa dos Ferreiros para unificar nel os servizos de urbanismo, tesourería e xestión tributaria. Os socialistas consideran "inadmisible" esta adquisición, ao entender que "non se sostén" en ningún informe ou estudo técnico por parte dos servizos municipais.

Agustín Fernández critica que "nos fagan crer" que non hai diñeiro para completar a reforma da antiga casa consistorial, un inmoble que "cae a cachos", e que apenas tres meses despois de aprobar o orzamento "aparezan" 1,2 millóns para comprar este local.

Para o portavoz socialista resulta "curioso" que o dono desta propiedade inmobiliaria sexa Afundación, un organismo vinculado a Abanca, a quen coa "escusa" do baixo prezo "lle estamos a facer un favor", facilitándolle á entidade que "faga caixa" á conta do Concello.

"Sería bo que o BNG explicara todos os pormenores desta operación", dixo.

Ademais, o PSdeG-PSOE tamén mostrou o seu rexeitamento aos 420.000 euros que se inclúen na modificación de crédito que pretende aprobar o goberno no pleno para actuacións relacionadas coa compostaxe. Denuncian que, neste caso, tampouco existen informes técnicos nin explicación de que se vai a facer exactamente con ese diñeiro.

En todo caso, Fernández considera que este tipo de cuestións relativas ao tratamento de residuos debería ser unha "cousa seria" que debería asumir a concesionaria do novo contrato do lixo e non pagalo o Concello. Pontevedra está a converterse, dixo, nun "paraíso" para as empresas concesionarias, ao beneficiarse deste tipo de investimentos.

Así, os socialistas presentarán unha emenda a esta modificación de crédito pola cal propoñen que os 1,4 millóns de euros que se prevén destinar á compra do local e aos composteiros rediríxanse a cubrir as necesidades que o PSdeG-PSOE expresou nas súas emendas ao orzamento municipal.

Solicitan destinar 575.000 euros a obras no Gorgullón, O Burgo e Mollabao, 400.000 euros a un plan de reactivación económica, 165.000 euros a iniciativas relacionadas co deporte, 100.000 euros á redacción dun plan estratéxico, 100.000 euros a un estudo para remunicipalizar o servizo de auga, e 60.000 euros para contratar a dúas traballadoras sociais.

Agustín Fernández asegura que "se todos somos coherentes" co votado o pasado mes de decembro, estas emendas poderán ser aprobadas.