Os socorristas de Sanxenxo suspenden as mobilizacións tras veren cumpridas a maioría das súas esixencias

Sanxenxo
02 de setembro 2020

Queda pendente negociar a discrepancia sobre as horas extraordinarias, "pero para iso sería necesario poder falar co alcalde e cambiar o talante do señor Martín levaríanos toda a vida", apunta CCOO

Socorrista en Sanxenxo Mónica Patxot

O colectivo de socorristas, acomodadores de praia e sanitarios, que prestan servizos para a empresa pública Turismo de Sanxenxo, anuncia a fin das mobilizacións comezadas hai case unha semana.

Toman a decisión tras veren cumpridas a maior parte das súas esixencias, pero tamén pola finalización do contrato de temporada da maior parte do persoal.

Segundo o sindicato Comisións Obreiras nas nóminas de agosto non se produciu ningún tipo de desconto económico, nin no que se refire aos sete días en que non puideron traballar pola situación meteorolóxica, nin tampouco en concepto de complemento de posto.

Queda pendente negociar a discrepancia sobre as horas extraordinarias, "pero para iso sería necesario poder falar co alcalde e cambiar o talante do señor Martín levaríanos toda a vida", apunta Comisións Obreiras.