Os traballadores de Diario de Arousa irán á folga o 23 de xaneiro

O Salnés
16 de xaneiro 2015

Os traballadores de Diario de Arousa acudirán á folga o próximo venres, día 23, xunto aos compañeiros do resto de cabeceiras do grupo Editorial La Capital ao que pertencen e en esixencia do pagamento das cantidades debidas pola empresa e a presentación dun plan de viabilidade que garanta a continuidade dos postos de traballo

Concentración dos traballadores de Diario de Arousa SX

Os traballadores de Diario de Arousa acudirán á folga o próximo venres, día 23, xunto aos compañeiros do resto de cabeceiras do grupo Editorial La Capital ao que pertencen e en esixencia do pagamento das cantidades debidas pola empresa e a presentación dun plan de viabilidade que garanta a continuidade dos postos de traballo.

O comité de empresa xa informou á dirección do grupo da convocatoria da xornada de folga que se desenvolverá entre as 8 horas do venres próximo ata a mesma hora do día seguinte. A adopción desta medida foi aprobada en asembleas de traballadores celebradas a semana pasada en cada centro de traballo e por unha ampla maioría de apoios con 65 votos a favor, 11 en contra e 4 abstencións.

Segundo informaron estas mesmas fontes, os traballadores de Editorial La Capital (El Ideal Galego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Deporte Campeón e Diario de Arousa) "vimos sufrindo recortes dende hai tempo sen que a empresa presente un plan que garanta a viabilidade que consideramos posúe o grupo xornalístico".

Piden á sociedade arousana que lles dea o seu apoio coa súa asistencia á concentración

Os traballadores do Diario de Arousa encóntranse no segundo Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) e veñen sufrindo reiterados atrasos no pagamento das nóminas. Ademais apuntaron que "o salario de novembro o cobramos en dúas partes, a última hai uns días, e ademais débennos unha extra e media e aínda non sabemos cando imos cobrar decembro".

"A todo isto hai que sumar que a dirección ten intención de despedir á metade equipo no mes de xuño", sosteñen.

O equipo de Diario de Arousa tamén sairá á rúa o día 23, ás 20 horas na Praza de Galicia e pide á sociedade arousana que lles dea o seu apoio coa súa asistencia. "Queremos traballar, pero con dignidade", afirman.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora