Os traballadores do servizo de limpeza de Poio visibilizarán o seu conflito laboral no pleno

Poio
24 de xullo 2017

Segundo anunciou o sindicato FeSP-UGT Pontevedra, os traballadoers queren trasladar aos representantes políticos de Poio a situación na que se encontran e as "dificultades que está a plantexar" a empresa adxudicataria do servizo 

Camións de recollida de lixo en Poio
Camións de recollida de lixo en Poio / PontevedraViva

Os traballadores do servizo de limpeza e recollida de lixo no Concello de Poio asistirán ao Pleno da Corporación convocado para as 19.30 horas do mércores 26 de xullo para visibilizar o conflito laboral que manteñen coa empresa adxudicataria, Valoriza, e que días atrás xa os levou a ameazar cunha convocatoria de folga

Segundo anunciou o sindicato FeSP-UGT Pontevedra, os traballadoers queren trasladar aos representantes políticos de Poio a situación na que se encontran e as "dificultades que está a plantexar" a empresa adxudicataria do servizo.

A dirección e o comité de empresa de Valoriza Ambiental romperon as negociacións que mantiñan para mellorar salarial e socialmente as condicións do persoal. Con esta presenza no pleno, queren dar a coñecer a postura dos empregados, que buscan chegar a un acordo no proceso de negociación do convenio colectivo "que dignifique aos traballadores deste servizo".

Desde UGT lembran que este servicio é "imprescindible" para o Concello e reiteran que a pretensión dos traballadores é que se equipare a súa situación coa dos demais servizos de limpeza dos concellos limítrofes e que levan máis de dous anos de conxelación salarial.

Tan só se mantivo unha reunión oficial e os responsables da empresa negáronse a ofertar calquera tipo de mellora alegando que sufrían perdas. Ante esta situación, os representantes sindicais decidiron convocar unha folga indefinida a partir do 15 de agosto, despois das festas da Peregrina de Pontevedra.