Polémico pleno en Poio coa ausencia do PP e a protesta dos traballadores de Valoriza

Poio
27 de xullo 2017

Os membros do grupo municipal popular decidiron non asistir ao pleno alegando que non puideron ter acceso á documentación presentada no Rexistro. Os traballadores da empresa de limpeza reclaman unha paga extra e insisten en iniciar unha folga indefinida a mediados de agosto

Protesta dos traballadores de Valoriza no pleno de Poio ao que non asistiu o grupo municipal do PP
Protesta dos traballadores de Valoriza no pleno de Poio ao que non asistiu o grupo municipal do PP

O pleno deste mércores en Poio estivo marcado pola polémica. O grupo municipal do Partido Popular decidía non asistir á sesión alegando que non se lles facilitou a listaxe de documentos recibidos por Rexistro e os traballadores e representantes sindicais de Valoriza, a empresa adxudicataria do servizo de limpeza, asistiron ao pleno anunciando que iniciarán unha folga de recollida de lixo a partir do 16 de agosto ao romperse a negociación coa dirección da empresa.

Os populares denuncian que o Concello négase a facilitar información dos documentos a pesar dun informe de secretaría e Ángel Moldes, portavoz do grupo municipal do PP, sospeita que o equipo de goberno de Poio está a ocultar información que deixaría en "moi mal lugar" ao goberno bipartito, que encabeza o nacionalista Luciano Sobral.

Os integrantes do grupo municipal do PP concentrábanse ás portas do Concello portando unha pancarta na que se lía "Transparencia xa". Afirman que levan máis de dous meses esperando a que se lles traslade a listaxe de documentos recibidos no Rexistro municipal desde principios de ano e, con todo, o grupo de goberno négase a ofrecerlla. Para Ángel Moldes é unha grave ocultación de información. 

Moldes sinalou que decidiron non asistir ao pleno para non causar un prexuízo económico aos veciños de Poio, xa que de asistir terían dereito a cobrar aínda que se levantasen aos dous ou tres minutos de comezar a sesión plenaria.

PROTESTA DE TRABALLADORES DE VALORIZA

Pola súa banda, os traballadores da empresa Valoriza, encargada da recollida de lixo e limpeza viaria de Poio, asistiron ao pleno con pancartas nas que reclamaban un convenio xusto. Neste momento, continúan rotas as conversacións coa empresa e os representantes sindicais han decidido iniciar unha folga na limpeza a partir do 16 de xullo se non se resolve o conflito.

O principal punto de desacordo atópase en relación cunha paga extra, que estes traballadores sinalan que reciben todos os empregados da limpeza e que a eles négaselles.