Os veciños de Antas, convocados a unha reunión para falar da segunda fase das obras da PO-235

A Lama
12 de xaneiro 2018

A reunión está convocada polo alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, terá lugar no Casino de Antas a partir das 18.00 horasdo 27 de xaneiro e, debido ao interese que suscita este tema, solictítase a máxima asistencia dos residentes na zona  

Imaxe da última asemblea veciñal convocada hai meses polo alcalde en Antas
Imaxe da última asemblea veciñal convocada hai meses polo alcalde en Antas / Concello da Lama

O vindeiro sábado 27 de xaneiro todos os veciños da parroquia de Antas, na Lama, están convocados a unha asemblea aberta para analizar a segunda fase das obras de mellora na estrada PO-235. 

A reunión está convocada polo alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, terá lugar no Casino de Antas a partir das 18.00 horas e, debido ao interese que suscita este tema, o rexedor solicita a máxima asistencia dos residentes na zona.

O encontro servirá para explicar aos veciños as liñas xerais do proxecto que está a redactar a Xunta e para tentar finalizar o proceso de identificación e localización dalgún dos herdeiros da propiedade dalgunha leira afectada polas obras.

Esta obra é unha reivindicación histórica do Concello da Lama e realízase en dúas fases. A primeira, xa licitada, implica a mellora da estrada PO-235 entre Antas e Seixido e ten un orzamento de case 600.000 euros. 

A actuación ten un prazo de execución de seis meses, o obxectivo é iniciala no primeiro trimestre deste ano e consiste no ensanche e mellora desta estrada en varios puntos entre os núcleos de Antas e Seixido, co fin de mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación.

As obras previstas na primeira fase comprenden a ampliación transversal dos pontóns situados nos puntos quilométricos 15+630 e 17+300, para conseguir un ancho de oito metros, o que permitirá ampliar a calzada e dispoñer beiravías e peitorís de contención. Ademais, mellorarase o trazado das curvas de acceso aos devanditos pontones, ampliando lixeiramente o seu radio.

O seguinte tramo, entre a saída do pontón do punto quilométrico 17+300 ata o final da vía, no núcleo de Seixido, tamén se ampliará e estenderase no firme unha nova capa de rodaxe. Para a drenaxe da plataforma, ademais de ampliar as obras de drenaxe que resulte necesario, procederase ao tendido e revestimento das cunetas, nos tramos que resulte conveniente.

Procederase tamén a reposición da rede de saneamento existente no núcleo de Seixido, que se ve afectada pola obra e a disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.