Os vendedores ambulantes ven "inviable" o traslado da feira á Avenida de Bos Aires

Pontevedra
29 de xullo 2023

O colectivo de vendores protagonizou este sábado unha nova xornada de protesta insistindo en que a Alameda é a mellor opción para o mercado dos sábados e rexeitando a nova opción exposta polo Concello

Manifestación dos vendedores ambulantes que participan na feira dos sábados
Manifestación dos vendedores ambulantes que participan na feira dos sábados / PontevedraViva

Nova xornada de protesta a protagonizada este sábado polo colectivo de vendedores ambulantes que participa no mercadiño dos sábados na cidade.

A pesar de estar xa convocada con anterioridade, a manifestación deste sábado chegaba un día despois de coñecer a nova proposta do Concello de Pontevedra para a feira, apostando por situala definitivamente na Avenida de Bos Aires, fronte ao Mercado de Abastos, co obxectivo de revitalizar a Zona Monumental.

"É inviable", sinala Fernando Castiñeiras en representación dos vendedores. Non ven con bos ollos esta opción e mantéñense na postura de achegarse o máis posible ao centro da cidade, critincando ademais que "sabémolo polos medios, a nós non se nos convocou e non sabemos absolutamente nada".

"Que nos levaran para alí repercutiría en moito ámbitos pero sobre todo que habería vendedores de primeira, de segunda e de terceira, non é un sitio onde sexa igualitario e seguimos estando nas aforas da cidade. Ademáis calquera ubicación diferente á Alameda ou Campolongo sería moito máis latosa á hora do tráfico", asegura en relación ás dúas posibilidades que xeran máis consenso entre o colectivo.

No que todos coinciden é en rexeitar a volta a Rafael Areses, localización recollida na ordenanza e única posibilidade de seguir instalando a feira mentres non se produza un acordo.

Tras concentrarse na Praza de España, onde estacionaron os seus vehículos, os vendedores ambulantes achegáronse ata a sede administrativa do Concello na rúa Michelena para mostrar unha vez máis o seu malestar e seguir solicitando apoios á súa causa a través dunha recollida de sinaturas.