Lanzan o "Plan Mercado", que busca converter a contorna da praza na "zona cero" do comercio local

Pontevedra
03 de agosto 2023

O Concello promoverá unha nova licitación "canto antes" para encher os 20 postos baleiros na primeira planta e traballará no protocolo para que o Carlos Oroza pase a ocupar postos neste 'gastroespazo' e que sexa "verdadeiramente, unha experiencia gastronómica"

Locais pechados na primeira planta do mercado de Pontevedra
Locais pechados na primeira planta do mercado de Pontevedra / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra lanzou este xoves o que bautiza como "Plan Mercado", unha iniciativa con tres eixos de actuación que busca reordenar e revitalizar a praza de abastos e a súa contorna para convertela na "zona cero" do comercio local, de proximidade e de segunda man. 

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou estes plans este xoves na primeira planta da praza de abastos, no coñecido como 'gastromercado' que nos últimos anos perdeu forza e "por distintas situacións, foi minguando" e agora aspiran a "impulsar".

Gulías non entrou en polémicas nin valoracións coas actuacións realizadas nesta materia durante o último mandato, limitouse a detallar os seus plans para esta zona, na que xa centraran o seu traballo nos mandatos anteriores por ser "un equipamento público central, situado nunha zona da cidade que precisaba dinamización".

A primeira liña de traballo ten que ver con esta primeira planta do edificio. O Concello promoverá unha nova licitación "canto antes" para encher os 20 postos baleiros nesta zona e traballará no protocolo xa impulsado no último mandato para que o centro de formación profesional Carlos Oroza pase a ocupar postos neste 'gastroespazo' e que sexa "verdadeiramente, unha experiencia gastronómica".

Nesta nova etapa tamén se vai realizar unha reforma para adaptar a subministración eléctrica dos postos ás súas necesidades e vaise poñer en marcha unha estratexia de comunicación "potente". Para logralo, recuperarase unha subvención sen executar, o Plan de Sustentabilidade turística de destino cidade de Pontevedra, dotada con preto de medio millón de euros.

Para a promoción deste espazo vaise optar por conferencias e que as visitas guiadas non se centran só en escolares, senón tamén en asociacións o con fins turísticos. Actividades para nenos, promover unha alimentación saudable e que a planta baixa e a primeira planta do mercado actúen de forma conxunta son outras das súas apostas para que o mercado "volva ser o punto neurálxico desta zona da cidade e mesmo da zona monumental".

A segunda liña de traballo céntrase na contorna do mercado e pasa polo traslado da feira ambulante que tanta controversia xerou nos últimos meses á avenida de Bos Aires, na parte posterior do edificio. Neste punto, a concelleira lembrou que na maioría das vilas promóvense sinerxias entre e feira e o mercado e este é o seu obxectivo para Pontevedra. 

Para actuar nesa contorna, tamén se vai reformular o mercado de antigüidades que se celebra na rúa Serra, ao que buscan "darlle unha volta" a través da licitación dos postos e buscando a participación das tendas de antigüidades da cidade e do resto da comarca. 

A terceira liña de traballo está centrada no mercado de novos e novas creadoras que quedara pendente nos últimos anos na rúa Serra. 

Apostarán por seguir co proxecto que está en marcha de instalar dúas casetas permanentes como "escaparate" do traballo de novas e novos creadores da cidade, priorizando aqueles que procedan do campus CREA da Universidade de Vigo e os artistas locais. Ademais, non se descarta recuperar o proxecto de dinamizar os locais baleiros da contorna da rúa Serra con esta mesma finalidade.

A concelleira lembrou a "cuestión básica" de que o mercado é un equipamento público no que nos últimos mandatos se investiron centos de miles de euros. Por iso é polo que "é a nosa obriga traballar en actualizar e dinamizar".