Os xogos tradicionais da corda, o peletre e o pano ocuparán as rúas de cinco barrios o sábado 19

Pontevedra
11 de xuño 2021

O Concello de Pontevedra organiza para a fin de semana do 19 e 20 de xuño unha xornada de xogos familiares tradicionais que se desenvolverán nos barrios do Burgo, Pasarela 12 de novembro, Campolongo, O Gorgullón e Monte Porreiro coa intención de ocupar o espazo público. Para participar será preciso inscribirse previamente

Anabel Gulías, portavoz do Goberno local de Pontevedra
Anabel Gulías, portavoz do Goberno local de Pontevedra / Mónica Patxot

As rúas de cinco barrios van encherse de xogos familiares e tradicionais a fin de semana do 19 e o 20 de xuño. Anabel Gulías, concelleira de promoción da Cidade, presentaba este venres esta iniciativa que forma parte do Efecto PO2.

Buscan con estes Xogos na Rúa, segundo indicou, ocupar o espazo público con actividades ao aire libre e con seguridade para que a poboación goce da cidade e do medio ambiente.

Segundo explicou Anabel Gulías, a idea é que a cidade sexa un "xogódromo" no que se pintarán no pavimento algúns deste xogos para o desenvolvemento desta actividade veciñal.

O sábado 19 está previsto que os xogos se poñan en marcha no barrio do Burgo, na zona da reformada ponte do Burgo; en Pontevedra Leste, na pasarela 12 de novembro; en Campolongo entre a praza de Galicia e Alcalde Hevia; no Gorgullón, na contorna da Rúa do Muíño; e en Monte Porreiro onde será necesario cortar o tráfico na Rúa Alemaña para establecer unha zona de xogo pintada con xiz sobre a calzada.

A actividade vai levarse a cabo o sábado entre as 11.00 e as 13.00 horas, a través de diferentes quendas cumprindo con todo o protocolo sanitario.

Os xogos que se desenvolverán serán o pano, a corda, tres en raia, recollida de mazarocas, o peletre ou o esquí familiar. Os gañadores de cada barrio pasarán a unha sesión final o domingo 20 que terá como escenario a praza situada diante do Concello, "en campo neutral", indicaba Anabel Gulías.

Segundo explicou a concelleira, esta proposta busca a diversión interxeracional con equipos formados por menores de 12 anos acompañados por familiares adultos. A inscrición é obrigatoria e gratuíta a través desta ligazón web do Concello