A provincia de Pontevedra e a cidade xaponesa de Oshima reforzaron os seus vínculos a través da camelia, a flor por excelencia das Rías Baixas, no marco do Camelliae International Congress que se está a celebrar estes días en Tokyo.
A delegación galega, encabezada polo presidente da Deputación, Luis López, e integrada polo deputado Javier Tourís e a doutora Pilar Vela, responsable da sección de fruticultura e ornamentais da Finca Areeiro, visitou importantes espazos dedicados a esta emblemática flor.
Durante a xornada, os representantes galegos percorreron dous xardíns de excelencia internacional: o Wild Camelia Forest Park e o Tsubaki Hana Garden, espazos que destacan pola súa biodiversidade e relevancia na conservación desta especie.
A comitiva tamén tivo a oportunidade de coñecer o Oshima High School, un centro educativo especializado no estudo e experimentación coa camelia, onde os estudantes amosaron os resultados dos seus proxectos de investigación.
O encontro institucional co alcalde de Oshima, Sakaue Choichi, e o presidente da International Camelia Society, Gianmario Motta, serviu para intercambiar experiencias e coñecementos sobre esta árbore que une ás Rías Baixas co país do sol nacente.
Un dos fitos destacados da visita foi a presentación da camelia de Soutomaior aos premios da International Camelliae Society. Este exemplar, composto por 18 troncos que medran desde a base, é a camelia de maior circunferencia de Galicia e forma parte do conxunto botánico do Castelo de Soutomaior, que alberga máis de 400 especies, 18 delas entre as máis antigas de Galicia.
O valor botánico e cultural deste espazo xa lle valeu ser recoñecido como o primeiro xardín de España de Excelencia Internacional da Camelia e o primeiro en obter o certificado de Xardín Histórico Observer.
A Deputación de Pontevedra tamén presentará durante o congreso as investigacións que lidera desde a Finca Areeiro para combater o fungo Ciborinia camelliae, que está a afectar ás flores desta especie en todo o mundo, causando importantes perdas tanto a nivel ornamental como económico. Así mesmo, expoñerá os avances na variación da composición do té verde producido na finca provincial.