Otima redactará o proxecto do ecoparque empresarial da Montesiña

Soutomaior
09 de outubro 2025

O Concello de Soutomaior adxudicou a redacción do proxecto á entidade viguesa para crear un polígono con espazo para máis de cincuenta empresas

Infografía do ecoparque empresarial de Montesiña en Soutomaior
Infografía do ecoparque empresarial de Montesiña en Soutomaior / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior deu un paso máis na creación do seu ecoparque empresarial da Montesiña tras adxudicar o proxecto de redacción á empresa Otima, dirixida polo arquitecto Xavier Rivas, antigo xerente de Urbanismo de Vigo.

Otima é unha empresa viguesa, creada en 2017, especializada en proxectos urbanísticos e de enxeñaría civil.

O alcalde Manu Lourenzo considera este proxecto como "un dos máis importantes para o concello das últimas décadas" e transformará a zona de transición entre Arcade e Soutomaior nunha área urbanizada con capacidade para máis de medio centenar de empresas.

Segundo indicou o rexedor local, a expectación xerada polo anuncio do polígono industrial xa está a dar froitos. "Dende que se anunciou este proxecto, estamos recibindo ofertas de moitas empresas interesadas en instalarse en Soutomaior", sinalou Lourenzo.

O proxecto conta xa coa autorización ambiental da Xunta de Galicia e o goberno municipal aprobou recentemente unha serie de incentivos fiscais para atraer compañías, que inclúen bonificacións no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

O ecoparque empresarial desenvolverase mediante un sistema de cooperación e ten como obxectivo servir de ponte entre as dúas parroquias do municipio, contribuíndo á vertebración territorial e á revalorización de Soutomaior.

"Con esta adxudicación damos un paso de xigante, sinala Lourenzo. que apunta a un ecoparque cunha infraestrutura moderna e ecolóxica.

A iniciativa promete impulsar significativamente a economía local ao ofrecer soporte ás empresas e cubrir a alta demanda empresarial existente na contorna.