Paloma Castro presenta a súa precandidatura á Secretaría provincial do PSdeG

Pontevedra
26 de decembro 2021

A deputada pontevedresa preséntase amosando o socialismo como "compromiso coa esquerda e co feminismo". "É bo que as mulleres ocupemos máis espazos"

Paloma Castro
Paloma Castro / PSdeG

A deputada pontevedresa Paloma Castro presentou este domingo a súa precandidatura á Secretaría Xeral do Partido Socialista da provincia.

"Precisamos dar voz a unha provincia na que todo o mundo ten que ser escoitado, dende a militante da agrupación máis pequena ata o máis alto cargo representativo do partido", sinalou a dirixente socialista, quen decidiu "dar o paso" de encabezar a candidatura defendendo "un proxecto en positivo de esquerdas, feminista e participativo para fortalecer o partido a carón da militancia".

Castro propón un modelo de partido "no que se reforce o papel da militancia" e "se garanta a transparencia e a democracia nos procesos internos" e no que se potencien as pequenas agrupacións, de xeito que "todas e todos os militantes sexamos iguais".

"É o momento de reivindicar, máis ca nunca, un PSdeG de esquerdas e feminista", incidiu a socialista. "É bo que as mulleres ocupemos máis espazos", sinalou, xa que "a nosa forza colectiva é moi necesaria na vida política".

"Precisamos fortalecer o PSdeG dende a nosa provincia sumando ás diferentes sensibilidades existentes", apuntou, facendo fincapé en que "non podemos esquecer que o adversario está fóra e chámase Partido Popular de Galicia", sentenciou.