Panorama City, América de Vigo e El Combo Dominicano porán salsa na Festa do Carneiro ao Espeto

Umia
30 de xuño 2026

Moraña prepara con numerosas actividades previas a gran cita gastronómica prevista para a fin de semana do 25 e 26 de xullo

El Combo Dominicano El Combo Dominicano

A Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña encara a súa edición de 2026 cunha ampla programación que estende as súas actividades desde o venres 3 de xullo ata as xornadas principais dos días 24, 25 e 26 de xullo, citas principais da festa.

O programa festivo destaca polo seu compoñente gastronómico, as citas deportivas e culturais, e un cartel musical que inclúe varias das principais formacións galegas e estatais.

Os días centrais do evento concentran as actuacións das grandes formacións musicais:

  • Venres 24 de xullo: A verbena na explanada do Multiusos comezará ás 23:00 horas coa orquestra madrileña La Misión de Madrid e o Grupo Atenas. Previamente, ás 21:00 horas, a Banda de Música Nova Lira de Moraña ofrecerá o concerto ConFusion xunto ao grupo Píscore.

  • Sábado 25 de xullo: O apartado musical nocturno estará encabezado por El Combo Dominicano e a orquestra Finisterre a partir das 23:00 horas, xunto coa discomóbil Euphoria Disco, que contará cos picadiscos Brais García, André Mor, Bennac B2B Mike Chenlo, Jorge Lamy e MRJ.

  • Domingo 26 de xullo: O fin de festa comezará ás 20:00 horas co grupo The Teta's Van, seguido ás 22:30 horas polas actuacións de Panorama City e América de Vigo, pechando a noite de novo coa discomóbil Euphoria Disco e o seu elenco de picadiscos.

Asistentes á LVI Festa do Carneiro ao EspetoCristina Saiz

Durante o domingo 26 de xullo, día central da celebración gastronómica, a animación de rúa comezará ás 11:00 horas coa charanga Os Encerellados, formación que tamén amenizará o Extraordinario Xantar do Carneiro ao Espeto programado para as 14:30 horas.

LVI Festa do Carneiro ao EspetoCristina Saiz

Por outra banda, o venres 24 abrirase o apartado expositivo no Edificio Multiusos coa inauguración de "Muller3s abrindo camiño!" por parte da Asociación de Mulleres Rurais de Moraña na Expocarnero 2026 (20:00 horas) e da mostra pictórica "Emocións mariñas" de Marisa Redondo (20:30 horas).

Pero a programación relacionada con este evento xa comeza nestes primeiros días do mes de xullo:

Este venres 3 de xullo ábrese o programa co evento gastronómico "Espétalle un pincho" na Carballeira de Santa Lucía (21:00 horas), coa participación do chef Miguel Mosteiro e hostaleiros locais, e a música do grupo pontevedrés Algo pasa con Mery.

O sábado 4 de xullo está prevista a Feira de Artesanía e Segunda Man (máis de 50 postos), unha exposición de bonsais no Multiusos, sesión vermú, desfile de moda de With Love Entredós e paella gratuíta pola noite con Pequeña Gran Compañía.

ACTIVIDADES DEPORTIVAS

Están previstas unha serie de actividades deportivas en diferentes espazos durante este mes de xullo_

  • Vrasas 24H: Torneo de fútbol sala ininterrompido desde as 16:00 horas do sábado 4 no Pavillón Municipal.

  • V BTT Carneiro ao Espeto e Andaina Popular: Domingo 5 de xullo desde as 09:00 horas. Actividade financiada pola Deputación de Pontevedra (Plan Provincia 2025).

  • XII Carreira Carneiro ao Espeto: Domingo 19 de xullo ás 10:30 horas, con saída na Rúa 5 e tamén co financiamento provincial.

  • V Torneo Interparroquial de Fútbol: Finais o domingo 19 de xullo ás 19:00 horas no campo do Buelo (partidos previos o 17 e 18).

A carballeira de Santa Xusta acollerá o domingo 5 de xullo a III Exposición Cans de Caza e unha festa infantil. O xoves 16 impartiranse os Obradoiros Consumo Verán de Lecer no Multiusos para idades de 3 a 14 anos.

No ámbito cultural, o sábado 18 de xullo (20:30 horas) o Edificio Multiusos será a sede do Certame de Corais, onde a Coral Voces Amigas de Moraña conmemorará o seu 25 aniversario xunto á Escola Municipal de Música de Moraña e as corais de Amil, Poio e Campo Lameiro.

Os días previos ás verbenas completaranse cunha festa acuática na Piscina Municipal (luns 20), o espectáculo familiar Hamelin (martes 21), cine na rúa (mércores 22), o contacontos sobre Begoña Caamaño por Colectivo Xurelo e unha Festa Holi xuvenil con inscrición previa (xoves 23).