Panorama, De Vacas, Take it Easy e Roi Casal animarán a Festa do Mexillón e do Berberecho en Vilanova de Arousa

O Salnés
08 de agosto 2023

Desde o xoves 10 de agosto ata o domingo 13, a Praza do Castro de Vilanova acollerá a 29 edición desta festa gastronómica. O goberno local anuncia a modificación do emprazamento respecto a anteriores edicións para que os visitantes se sitúen con vistas ao mar

Concerto de 'De Vacas' Cristina Saiz

A partir do xoves 10 de agosto e ata o domingo 13, Vilanova de Arousa celebrará a edición 29 da Festa do Mexillón e do Berberecho

Este evento gastronómico permite degustar estes produtos locais a través de diferentes receitas coa posibilidade de que as persoas asistentes proben mexillóns ao vapor ou en salsa ou berberechos en empanada, entre outras posibilidades culinarias.

O goberno local anunciou que o evento se establece, nesta ocasión, na Praza do Castro. O motivo é que os visitantes teñan vistas ao mar mentres gozan da comida.

A apertura da carpa será o xoves ás 13.00 horas

As grandes actuacións previstas comezarán o venres 11 ás 23.00 horas coa orquestra Panorama no Parque do Cabo.

Ao día seguinte, sábado 12 ás 22.00 horas, chegará á Praza do Castro o concerto da agrupación De Vacas, con versións en galego de temas populares; e xa o domingo haberá dúas actuacións musicais en Xardín Umbrío: ás 13.30 horas será a quenda de Take it Easy e ás 21.30 horas subirá ao escenario Roi Casal.