Desde o mismísimo círculo polar ártico até o corazón de Pontevedra. Así foi a viaxe exprés que realizou este mércores Papá Noel, que fixo unha parada moi especial no Hospital Provincial para cumprir unha misión tan importante como repartir agasallos, regalar sorrisos, ilusión e un pouco de maxia aos nenos ingresados na área de hospitalización pediátrica.
Chegado directamente desde Rovaniemi, Finlandia, o home máis esperado do Nadal decidiu adiantar parte da súa complicada axenda mundial para sorprender aos pequenos mentres aínda estaban espertos.
Co seu inconfundible traxe vermello e un gran sorriso, percorreu corredores, habitacións e espazos comúns, convertendo o hospital nun auténtico escenario do Nadal.
Familias e persoal sanitario non perderon a oportunidade de saudalo, intercambiar unhas palabras e capturar o momento con fotografías que xa forman parte do álbum de recordos máis especiais destas datas.
Os agasallos foron só unha escusa xa que o verdadeiramente importante foi o ánimo, a proximidade e a faísca de esperanza que Papá Noel deixou en cada encontro.

Detrás desta visita houbo un auténtico equipo de axudantes que, desde primeira hora da mañá, traballou para que todo estivese a punto.
Papá Noel pediu aos pequenos que sexan felices a pesar de todo, mesmo nos momentos máis difíciles, e que aprendan a gozar do que teñen, non só en Nadal, senón para toda a vida.
Visiblemente emocionado, Papá Noel confesou o especial que fora compartir ese tempo con eles. "O ano que vén vémonos fóra do hospital", prometeu antes de marcharse.