Papá Noel percorrerá todas as parroquias de Poio o día 24 e recibirá á rapazada na carpa da Seca

Poio
22 de decembro 2025
Actualizado: 18:03

A xornada incluirá visitas, animación e actividades gratuítas pensadas para o desfrute de grandes e pequenos. O itinerario comezará ás 10.30 horas no Casal de Ferreirós

Acendido da iluminación de Nadal en Poio
Acendido da iluminación de Nadal en Poio / Cristina Saiz

Papá Noel terá unha axenda intensa o mércores 24 en Poio, cun amplo percorrido por todas as parroquias e Aldeas de Nadal do municipio, que culminará cunha recepción especial na carpa Poio Máxico, situada na Seca. 

O itinerario polas Aldeas de Nadal comezará ás 10.30 horas no Casal de Ferreirós. Desde alí, Papá Noel desprazarase á Aldea do Adro, en San Salvador (11.00 h), á dos Patos, en Lourido (11.20 h), á da Granxa, en Campelo (11.40 h), a Badaladas, en San Martiño (12.00 h), á dos Muíños, en Samieira (12.40 h), e á da Vila, no Porto de Raxó (13.00 h). O percorrido rematará na Aldea das Palleiras, na Praza da Chousa de Combarro, onde a partir das 13.30 horas atenderá persoalmente os desexos da veciñanza na Casa de Papá Noel.

Ademais, Papá Noel realizará unha segunda ruta para achegarse a distintos lugares e barrios do municipio. Saíndo ás 10.00 horas da Casa do Concello, visitará O Muíño, Fragamoreira, Vilariño, A Escusa, Riomouro, Sartal, Arís, A Armada, Esperón, O Pereiro, Casalvito, Liñares, Albar e O Vao, para regresar á Casa Consistorial arredor das 14.00 horas.

Xa pola tarde, entre as 17.00 e as 19.30 horas, Papá Noel estará na carpa Poio Máxico, onde a rapazada poderá entregarlle as súas cartas persoalmente. Este espazo ofrece tamén inchables, música, obradoiros e atraccións de balde, converténdose nun punto de encontro para as familias durante estas datas.

A carpa, inaugurada esta fin de semana, rexistrou unha gran afluencia de público tanto o sábado como o domingo. A programación continúa nos próximos días con propostas familiares como o espectáculo 'A Maxia do Nadal', do Mago Paco, previsto para este xoves día de Nadal ás 18.00 horas, e Aldea Musical do Nadal, de Nelson Quinteiro Producións, o venres 26 á mesma hora, en colaboración co programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra.

A programación do Nadal en Poio complétase coa actividade nas sete Aldeas de Nadal distribuídas polo municipio. Os Elfos do Nadal, acompañados por Javi Solla e Tere, comezaron este luns a súa ruta na Aldea do Adro, en San Salvador, coa participación da comparsa dos Canecos. A partir das 17.30 horas haberá música, animación, talleres de maquillaxe e chocolatada.

As visitas continuarán en Campelo o martes 23, no Porto de Raxó o sábado 27, en San Martiño o domingo 28, en Lourido o luns 29, en Combarro o mércores 31 e en Samieira o venres 2 de xaneiro, levando ilusión, sorpresas e ambiente festivo a todos os recunchos de Poio.

Arquivado en