Para Ana Pontón, a "creatividade" e o "talento" da Esdemga son un exemplo para Galicia

Pontevedra
02 de marzo 2018

A portavoz nacional do BNG visitou este venres a Escola de Deseño e Moda de Galicia na facultade de Belas Artes de Pontevedra, "dous baluartes desta cidade pero tamén dous emblemas de Galicia", afirmou

Ana Pontón visita a Escola de Deseño e Moda de Galicia (ESDEMGA)
Ana Pontón visita a Escola de Deseño e Moda de Galicia (ESDEMGA) / Mónica Patxot

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón sinalou á creatividade e o talento como "pezas de desenvolvemento económico do noso país".

Ana Pontón visitou este venres a Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga), na facultade de Belas Artes de Pontevedra, "dous baluartes desta cidade pero tamén dous emblemas de Galicia", afirmou.

Acompañada da decana da Facultade, Silvia García, e da directora de Esdemga, Lola Dopico, Ana Pontón coñeceu a experiencia formativa deste centro, "vangarda do deseño" e cun alumnado presente nas principais pasarelas e equipos de firmas de moda como: Inditex, Purificación García, CH, Bimba e Lola, Adolfo Domínguez, entre outras.

Ana Pontón destacou a "aposta pola creatividade e polo talento" que significan estes estudos que se atopan nun ámbito que o BNG considera que é "dos nichos de futuro de Galicia" nun momento no que a nosa comunidade atópase ante "un cambio de paradigma" no que o talento e a creatividade "deben ser dúas pezas de desenvolvemento económico do noso país".

Para a portavoz do Bloque é necesaria unha aposta por centros formativos como a Esdemga ou a facultade de Belas Artes "que nos están apuntando a dirección na que hai que traballar". É este sentido, a dirixente nacionalista resaltou o impulso dado polo Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, por apoiar este tipo de estudos e sectores que xeran riqueza.

"Cremos que no campo do deseño temos capacidade para poder traballar", sinalou Pontón. Ademais a portavoz nacional do BNG non deixou pasar por alto que á fronte destas titulacións están dúas mulleres "que están a abrir camiño" respecto da igualdade entre homes e mulleres nun mundo como a moda no que a maioría das cabezas visibles son varóns.

Finalmente, Ana Pontón trasladou todo o apoio do BNG para que os estudos que se imparten na Escola de Deseño e Moda de Galicia "teñan o máximo recoñecemento desde o punto de vista oficial", un apoio que estendeu á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia que tamén se atopa neste edificio da Facultade de Belas Artes e que está pendente da súa adscrición á universidade.