Ana Outerelo e Tamara Vidal, as dúas traballadoras condenadas a tres anos de cárcere pola súa participación nun piquete, non terán que entrar en prisión o próximo luns. Era o día no que se remataba o prazo marcado para a execución da sentenza, ordenada polo Xulgado do Penal de Pontevedra. Pero unha resolución xudicial que lles chegou durante a tarde deste venres paraliza este desagradable trámite.
Así o confirmaron a PontevedraViva as propias traballadoras. A execución da sentenza paralízase, tal e como solicitaran as pontevedresas a través dos seus avogados, ata que se resolva a petición de indulto, entregada no Ministerio de Xustiza o pasado 11 de xuño. Será o Consello de Ministros que deba decidir se concede este indulto.
"Estamos contentas, pero contenidas porque lo que realmente nos va a salvar es la resolución del indulto", explica Ana Outerelo. En todo caso, celebra que "estamos viendo que está primando la cordura". Recoñece que todo este proceso está sendo un pesadelo para elas, de aí que pida ao Goberno "prontitud" áhora de resolver a petición de indulto "porque esto es muy agotador".
Agradecidas pola mobilización social que houbo en Pontevedra ante o seu caso, Ana e Tamara esperan que todo se resolva canto antes. Ademais das 86.000 firmas que se reuniron xa a través da plataforma change.org e as numerosas concentracións e mostras de apoio cidadán dende que se coñeceu a sentenza, ambas as dúas lograron que a súa petición de indulto fora apoiada, entre outros, polo Parlamento galego e a propia Fiscalía.
Os feitos remóntanse a febreiro de 2010 cando en plena folga pola negociación do convenio colectivo das instalacións deportivas un piquete de sesenta traballadores e sindicalistas se concentrou ante a piscina olímpica de Ponte Muíños. Durante a intervención do piquete tinguiuse a piscina de verde e o traxe do xerente viuse salpicado polo líquido colorante.
O Tribunal de Primeira instancia considerou que estas dúas traballadoras da piscina de Campolongo eran autoras deste acto e as condenaba a seis meses de prisión e a unha multa polos danos causados. Fiscalía recorreu este fallo ante a Audiencia solicitando a pena máxima e o Tribunal aceptou o recurso e condenou a 3 anos de prisión as dúas pontevedresas, unha sentenza considerada "desproporcionada" polos sindicatos dende o primeiro momento.