A da Parda será, segundo o alcalde, "unha das maiores operacións urbanísticas da historia da cidade"

Pontevedra
27 de xuño 2025

Toda a área de actuación, uns 212.790 metros cadrados, terá gran parte da súa edificabilidade reservada para vivenda pública e con "algún tipo de protección". Serán máis de 2.000 novas vivendas

O alcalde explica o ámbito de actuación do PIA da Parda
O alcalde explica o ámbito de actuación do PIA da Parda / Concello de Pontevedra

En "tempo absolutamente récord". Así está a ser a tramitación do plan de interese autonómico (PIA) que permitirá a construción de máis de 2.000 novas vivendas no barrio da Parda.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou este venres que esta celeridade administrativa débese a que o goberno municipal considera "importante" este proxecto porque terá "beneficios para toda a cidade".

"Fixemos todo o posible e todo o que podiamos facer", garantiu Fernández Lores, que sostivo que esta iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia, será "unha das maiores operacións urbanísticas da historia da cidade".

Toda esta área, duns 212.790 metros cadrados, terá gran parte da súa edificabilidade -uns 208.000 metros cadrados- reservada para vivenda pública e con "algún tipo de protección", incluídas promocións de iniciativa privada.

Os edificios que se constrúan neste ámbito, formado polas parcelas B5 da PXOM e por terreos situados ao seu noroeste, poderán ter como máximo baixo, seis plantas e baixo cuberta.

Haberá case 57.000 metros cadrados de zonas verdes, 21.000 metros cadrados reservados para equipamentos, 445 prazas de aparcadoiro en superficie -a maiores dos garaxes dos propios edificios- e 43.024 metros cadrados para novos viarios.

A este respecto, o rexedor pontevedrés sinalou que a "condición" imposta polo Concello é que toda esta zona, incluída a que non está dentro da delimitación, estea conectada de maneira "axeitada", garantindo a accesibilidade cara á cidade.

Así, na proposta de ordenación remitida pola Xunta e que aceptou este venres a administración municipal, deseñáronse viais para conectar toda esta área de actuación, desde a antiga Juviol até Pedra do Lagarto e o cemiterio de San Amaro.

Entre outras infraestruturas, está prevista unha rotonda que conecte coa antiga estrada de Ourense, a PO-542, e coa coñecida como a Rolda Leste, a Avenida das Chans.

"Este proxecto amplía e fai medrar a cidade cara ao leste", reiterou Lores, que celebra que se vaia a quintuplicar a capacidade para vivendas nesta zona, inicialmente unhas 400, reforzando así a marxe edificatoria do Concello, que ten unhas 20.000 vivendas "pendentes por facer".