O parque de xogos de auga de Rosalía de Castro ponse en marcha coa tempada estival

Pontevedra
21 de xuño 2026

Porén, durante a primeira fin de semana de funcionamento rexistrouse algunha incidencia puntual

Parque de auga de Pontevedra Mónica Patxot

Os xogos de auga situados no parque de Rosalía de Castro atópanse xa operativos desde o pasado venres 19 de xuño, coincidindo co remate do curso escolar e coa chegada das primeiras xornadas de calor propias da tempada estival.

A instalación constitúe unha boa alternativa de lecer ao aire libre para a infancia durante os meses de verán.

O recinto permanecerá aberto todos os días nun horario continuado de 10.00 a 22.00 horas, permitindo ás familias desfrutar dun espazo pensado para combater as altas temperaturas mediante actividades acuáticas seguras e accesibles.

Entre os elementos cos que conta a infraestrutura figuran diferentes xogos de auga, como canóns con capacidade de xiro completo, arcos que xeran finas néboas refrescantes e diversos dispositivos con chorros dinámicos e efectos acuáticos destinados ao entretemento dos usuarios máis novos.

Porén, durante a primeira fin de semana de funcionamento rexistrouse algunha incidencia puntual. A máis destacada produciuse este sábado arredor das 18.30 horas, cando os xogos de auga deixaron de funcionar temporalmente, o que provocou as queixas de varias familias que se atopaban no recinto.

Algúns usuarios apuntaron como posible causa a que nese momento se estaba a desmontar a pulpería instalada no mercadiño próximo e que os labores de limpeza, realizados con conexión á rede de abastecemento, poderían afectar á presión ou á subministración de auga do parque infantil. En todo caso, esta circunstancia non foi confirmada oficialmente.

Dende o Concello de Pontevedra lembran que o sistema funciona mediante un circuíto pechado que reutiliza a auga tras someterse a un proceso automático de depuración, evitando así o desperdicio de recursos hídricos.

Ademais, dispón dun mecanismo de filtrado e dun control permanente da calidade da auga que supervisa parámetros como o nivel de cloro e o pH. No caso de detectarse algunha anomalía, o abastecemento interromperíase automaticamente ata recuperar os valores establecidos.

Desde o punto de vista da seguridade, os xogos foron fabricados conforme á normativa europea vixente para áreas recreativas infantís. Para a súa construción empregáronse materiais resistentes e de longa duración, como aceiro inoxidable e cobre, incorporando tamén sistemas de protección específicos e elementos antivandálicos que contribúen a garantir un uso seguro das instalacións.