Parques e Xardíns arranxa o valado do parque infantil de Barcelos

Pontevedra
22 de febreiro 2020

O concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, destinou máis de 4.800 euros a esta actuación, que inclúe a renovación, lixado e vernizado de traveseiros e a substitución das bases de metal

Arranxo do valado do parque infantil de Barcelos Concello de Pontevedra

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, a través do Servizo de Parques e Xardíns, está a acometer a restauración de todo o valado perimetral e as papeleiras de madeira do parque infantil da Praza de Barcelos.

A actuación, á que o departamento que dirixe Iván Puentes destinou unha achega de máis de 4.800 euros, inclúe a substitución dos traveseiros podres ou en malas condicións, así como o lixado e vernizado de tódalas pezas e a colocación dalgunhas novas nos puntos de ancoraxe da cerca.

Tal e como explica o concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, nesta intervención "tamén se están renovar as bases de metal que permiten a fixación do valado, xa que moitas delas amosan un considerable estado de oxidación".

"As peza podres, tanto no que se refire á cerca como ás papeleiras, estanse a cambiar por outras novas, de xeito que tódolos elementos se manteñan en perfectas condicións de conservación e seguridade", apunta o edil socialista.