O paseo dos Gafos, esnaquizado en Ponte Boleira polo paso dos temporais

Pontevedra
28 de xaneiro 2026

Os servizos técnicos municipais estudarán a situación da senda e da tubaxe que quedou á vista tras a borrasca e actuarase coa maior celeridade que o tempo permita

Danos no paseo dos Gafos derivados da borrasca Joseph

Os episodios meteorolóxicos adversos dos últimos días deixaron importantes danos no paseo dos Gafos, á altura de Ponte Boleira.

O dano definitivo provocouno o temporal Joseph, pois na mañá do luns o paseo estaba aparentemente enteiro e, ao seu paso, sufriu dous grandes buracos na senda.

Nun deles, quedou á vista unha tubaxe de grandes dimensións, que deixa de estar protexida.

O río desbordou polas intensas choivas e a zona agora danada quedou totalmente alagada durante a tarde do luns.

Tras ter coñecemento da situación, desde o Concello de Pontevedra anunciaron que os servizos técnicos municipais van estudar a situacion desa zona, en especial, a do tubo que quedou á intemperie.

A continuación, segundo confirmaron fontes municipais, actuarase "coa maior celeridade" posible, sempre tendo en conta que o tempo o permita, pois nos próximos días prevese que continúen as intensas choivas.

Danos provocados pola borrasca Joseph no paseo dos Gafeños en Ponche BoleiraPontevedraViva

Este paso permanece pechado desde a mañá do luns, cando o Concello de Pontevedra activou o protocolo de seguridade ante a alerta laranxa por risco de inundacións.

Acordouse o peche preventivo de accesos fluviais, sendas peonís e varias vías de tráfico situadas en zonas potencialmente inundables.

O paseo do Gafos en Ponte Boleira é unha desas zonas e a prohibición de circular está debidamente sinalizada e permanece activa este mércores. Continuará mentres sigan as previsións meteorolóxicas adversas.

Paseo dos Gafeños pecho por risco de inundaciónPontevedraViva