As obras que levarán a rede xeral de saneamento aos lugares de Gatomorto, Igrexa, Couso, Frieiro e Fontáns, en Santa María de Xeve, acaban de comezar. Trátase da última fase para dotar deste servizo a parroquia pontevedresa.
A Concellaría responsable das infraestruturas hidráulicas do Concello de Pontevedra informou este domingo de que as obras xa comezaron nos últimos días e explicou que con elas completarase a conexión de toda a parroquia á rede xeral de sumidoiros. Teñen un prazo de execución de 18 meses.
O orzamento desta actuación é de 2.973.829,63 euros, o que supón unha achega de 18.000 euros por vivenda.
Os traballos comezaron polo lugar de Gatomorto pero tamén conectarán Igrexa, Couso, Frieiro e Fontáns, ata dar servizo a 168 vivendas en total. Nestes lugares xa se ten instalada parte da rede, pero agora completarase ata chegar á zona de Fontáns, que non dispón deste servizo.
Ao igual que na maior parte das parroquias, a rede de saneamento pódese facer grazas á colaboración veciñal, que autorizou o paso por 27 parcelas privadas.
Esta actuación implementarase cun proxecto de menor contía para a conexión do novo campo de fútbol de Santa María de Xeve, que na actualidade está dotado cunha fosa séptica.