Paso en firme para modernizar e revitalizar a praza de abastos de Vilaxóan

O Salnés
03 de xullo 2023

Converter a praza de abastos de Vilaxoán nun centro de atracción de comerciantes e de consumidores. Ese é obxectivo da reforma impulsada polo goberno municipal de Vilagarcía. Esta actuación acaba de saír a licitación cun orzamento de case 211.000 euros

Proxecto para a reforma da praza de abastos de Vilaxóan
Proxecto para a reforma da praza de abastos de Vilaxóan / Concello de Vilagarcía

Converter a praza de abastos de Vilaxoán nun centro de atracción de comerciantes e de consumidores. Ese é obxectivo da reforma impulsada polo goberno municipal de Vilagarcía. Esta actuación acaba de saír a licitación cun orzamento de case 211.000 euros.

A rehabilitación integral deste espazo será financiada a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos europeos da estratexia EDUSI.

Con este proxecto, a administración local pretende modernizar e revitalizar o mercado público vilaxoanés e dinamizar a actividade comercial e social da localidade mariñeira, acondicionando e optimizando o espazo para unha maior funcionalidade para os concesionarios e os clientes.

A actuación servirá para adaptar as instalacións da praza de abastos aos actuais requirimentos para os espazos dedicados á venda de alimentos e tamén á normativa de accesibilidade.

A intervención afectará aos 274 metros cadrados de superficie coa que conta o edificio e incluirá o deseño de novos postos, a redistribución dos existentes e a introdución doutras melloras tendentes a optimizar a actividade, aplicando criterios de sustentabilidade.

Trátase dunha reforma integral, que afectará tanto ao interior do inmoble -incluída a renovación das instalacións eléctrica e de fontanería-, como ao exterior, mellorando a imaxe do edificio.

No interior, a praza manterá os espazos laterais como postos de exposición, pero se eliminarán os que están pegados á fachada principal.

Os destinados actualmente á carnicería e á froitería gañarán espazo, no primeiro caso para un obradoiro, e no segundo para a instalación dunha cámara frigorífica. Os baños tamén se mellorarán para facelos máis accesibles ao todos os públicos.

Tendo en conta a altura do actual edificio, os restantes postos perimetrais emprazaranse nun nivel superior, disimulados cara ao exterior por unha malla "deployé" pregada e pintada en cor azul (en relación ao mar).

Por último, no espazo central da praza deixarase unha zona aberta, diáfana e polivalente onde se poderán instalar diferentes postos móbiles en función das necesidades de cada momento.

A actuación no exterior do edificio centrarase na mellora da imaxe e en resaltar a praza con elementos e cores inspirados no mar (branco e azul). Tanto por estética coma por funcionalidade, cambiaranse as portas e se pintará todo o edificio de branco.

A intervención completarase coa instalación na fachada principal do edificio -a que dá ao parque de Dona Concha- dun cartel retroiluminado co nome da praza que se colocará sobre un fondo cuberto cunha reixa imitando unha rede de pesca.

O prazo de execución das obras é de cinco meses. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 19 de xullo para presentar as súas ofertas.