Patés, caixas misteriosas e bálsamos enchen o mercado de cooperativas escolares na Ferrería

Pontevedra
27 de maio 2026

Máis de 300 estudantes de Educación Especial e Secundaria da provincia venden os produtos manufacturados durante o curso co programa DepoEmprende

Mercado de Depoemprende 2026
Mercado de Depoemprende 2026 / Sergio Guillermo Lourés Miranda

A praza da Ferrería de Pontevedra acolleu este mércores a exposición e venda ao público de produtos elaborados por 34 cooperativas escolares creadas desde o inicio do curso académico 2025/2026.

A iniciativa reuniu a un total de 330 estudantes e profesores procedentes de 11 centros educativos de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Redondela e Vigo..

O mercado recolleu unha variedade de artigos producidos de xeito autónomo polos estudantes no marco do programa provincial DepoEmprende.

Entre a oferta comercializada destacaron propostas como caixas misteriosas (mystery box), patés, chourizos, mel, galletas artesás, doces, bálsamos, abanos, infusións, velas aromáticas, bixutería e téxtiles personalizados como mochilas ou camisetas.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu á praza para coñecer o traballo dos participantes das modalidades de Educación Especial e Secundaria.

Rafa Domínguez no mercado estudantil na Ferrería
Rafa Domínguez no mercado estudantil na FerreríaSergio Guillermo Lourés Miranda

Domínguez sinalou que a actividade permite poñer en valor o funcionamento das pequenas e medianas empresas no contorno económico actual e fomenta o apoio ao comercio de proximidade. Así mesmo, agradeceu o esforzo engadido da comunidade educativa implicada no proxecto.

A xornada contou coa presenza de diferentes entidades organizadas en redes de traballo cooperativo:

Centros de Educación Especial: O CEE de Pontevedra (cooperativa The Special), ACEESCA do Porriño (O Mistral) e o CEE Vilagarcía de Arousa (Gráfika7).

Institutos de Secundaria: En Pontevedra, o IES Valle Inclán e o IES Luis Seoane sumaron doce cooperativas; no Porriño, o IES Pino Manso operou con dúas; en Redondela, o IES Illa de San Simón xestionou outras dúas; e en Vigo, os centros IES Coruxo, CPR Pl Mª Inmaculada, CPR Mariano e CPR Andersen coordinaron un total de 15 cooperativas.

O programa DepoEmprende oriéntase a introducir a cultura emprendedora nas diferentes etapas formativas a través da xestión directa dunha sociedade empresarial, desde a fabricación ata a posta no mercado.

Unha parte dos beneficios económicos obtidos a través destas vendas destinarase, por acordo de cada grupo, a organizacións non gobernamentais ou a proxectos de acción social.