A Deputación de Pontevedra xa recibiu a autorización definitiva de Patrimonio para a gran intervención arqueolóxica no edificio e os xardíns do convento de Santa Clara.
O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, anunciou ademais unha inxección extra de 3,5 millóns de euros que elevará até 10 millóns a dotación económica da Deputación, á que se suman os 6 millóns comprometidos pola Xunta de Galicia, o que sitúa o investimento asegurado en 16 millóns de euros para este proxecto.
Domínguez explicou que a autorización definitiva de Patrimonio obriga a ampliar o ámbito da escavación arqueolóxica prevista, estendéndoa a novas áreas, incluída a zona do bosque da leira, para así evitar futuras paralizacións das obras en caso de novos achados.
Esta actuación obrigará a que se produza a talla de máis de 150 árbores e arbustos na zona onde se desenvolva a escavación.
O responsable provincial indicou que as árbores que se van a tallar contan con informes que sinalan que están enfermos ou que non son trasplantables.
"Ninguno de los árboles que se van a talar tiene ninguna importancia", asegurou, antes de precisar que se trata dunha talla "dirigida" de árbores froiteiras na área onde está previsto situar o futuro museo.
O responsable provincial recalcou que as viñas e exemplares que teñan certa relevancia e sexan trasplantables recolocaranse noutro espazo, e insistiu en que "no se va a talar ningún árbol que tenga ninguna importancia", convidando ao concelleiro socialista Iván Puentes a "estudiar el proceso".
Segundo o vicepresidente, esta intervención converterase en "la excavación arqueológica más importante realizada en Galicia en los últimos 15 años, o al menos una de las más relevantes".
Esta ampliación dos traballos arqueolóxicos obrigará a modificar o contrato existente e reforzar o orzamento "para adaptarnos a las necesidades técnicas del proyecto", incrementando en 3,5 millóns a partida destinada a Santa Clara, pasando dos actuais 6,5 a 10 millóns de euros.
Domínguez defendeu que non se trata de "una cifra menor", senón de "una decisión política" que expresa "la voluntad firme" da Deputación de avanzar no futuro de Santa Clara como parte do Museo de Pontevedra.
En canto aos prazos, sinalou que, ante esta serie de cambios, espera que estea listo "en semanas" e, a partir de aí, a Deputación solicitará a licenza ao Concello de Pontevedra para poder iniciar "de manera inmediata" o novo estudo arqueolóxico, que calcula que podería completarse "en unos cuatro meses" desde o seu inicio.