Chegou o día tan esperado, e temido á vez, para o alumnado pontevedrés. Este martes comezaron as Probas de Acceso á Universidade (PAU), nas que centos de estudantes examinaranse para poñer a proba os coñecementos adquiridos durante o curso e lograr a mellor nota posible para acceder á carreira que desexan.
En Pontevedra, 1.494 alumnos enfróntanse a estes exixentes e estresantes exames repartidos en tres centros do campus. A Escola de Enxeñaría Forestal acolle ao grupo máis numeroso con 495 aspirantes, seguida pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, con 450, e a Facultade de Comunicación, con 418.
Ademais, habilitáronse dous centros específicos para dar cobertura a colectivos concretos: a EPAPU Río Lérez, onde realizan as probas 119 persoas, e o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE, que atende a 12 estudantes con distintas discapacidades, dos cales sete son cegos ou con discapacidade visual.
Este ano, as probas contan con normas específicas e estritas en canto ao material permitido. O profesorado das comisións delegadas pode solicitar a inspección, cando así o consideren, de calquera elemento como lentes, calculadoras, bolígrafos, etc.
Así mesmo, o uso de dispositivos non permitidos ou a emisión de calquera ruído procedente dalgún dispositivo electrónico xa sexan móbiles, auriculares ou reloxos, implica a expulsión inmediata da PAU.
Neste sentido, e aínda que o avance das novas tecnoloxías e do uso da Intelixencia Artificial obrigaron non só a aumentar a vixilancia nos examenes, senón a facer un cambio nos métodos de estudo, a maioría do alumnado coincide en que a a súa preparación foi cos apuntamentos que lle deu o profesorado ao longo do curso.
"Usei os apuntamentos que nos deron no instituto, busquei noutras páxinas de universidades que tiñan temario subido e fun a unha academia extraescolar", explica unha das alumnas.
Unha das súas compañeiras de clase di que ela, ademais de usar os apuntamentos dos profesores tamén leu algún libro e apoiouse nas intelixencias artificiais ou en vídeos para facer resumos de conceptos chave.
A pesar de que a maioría van máis que preparados a realizar este trámite, os nervios e as dúbidas reinaban este martes entre o alumnado. "Eu creo que estamos un pouco nerviosos polo momento. Hai xente que está totalmente tranquila e outra que estamos que nos arrincamos o pelo", afirma outra alumna do IES A Xunqueira.
Para o profesorado, en cambio, a sensación é a mesma cada ano. Todos os anos traballan durante o curso para preparar esta proba específica até chegar a este "complicado" momento para todos os estudantes. "Neste primeiro exame están todos moi nerviosos", admite María Rey, unha das profesoras dese instituto. Segundo a súa experiencia en pasadas edicións, "os nervios despois pasan, sobre todo en canto saian do primeiro exame".
MODELO DE EXAMES
Da mesma maneira que o pasado ano, todos os estudantes enfróntanse a un único modelo de exame, aínda que con posibilidade de elixir entre distintas preguntas dentro do mesmo.
Aínda que nos últimos anos podíase elixir entre varias alternativas e moitos optaban por non estudar algúns temas, agora, ao ter só unha opción, tiveron que aprender o temario completo.
As preguntas buscan avaliar competencias como a análise crítica, a resolución de problemas e a aplicación práctica dos coñecementos.
No caso dos exames de Lingua Castelá e Inglés, inclúen unha proba de comprensión lectora, expresión escrita e redacción, ademais da parte de literatura no primeiro. Na proba de Historia de España, pola súa banda, pídese que identifiquen e corrixan erros nun texto, ou que analicen datos históricos desde unha perspectiva crítica. En Historia da Filosofía deben redactar un artigo de opinión.
Tamén é obrigatorio examinarse dunha segunda lingua estranxeira para quen se presenten a catro materias na fase voluntaria.
As faltas gramaticais e ortográficas poden restar até dous puntos da nota nos exames de castelán e galego, un 15% en linguas estranxeiras e un 10% no resto de materias.
Cada exercicio, como cada ano, ten unha duración de noventa minutos, cun descanso mínimo de media hora entre exames consecutivos.
Tampouco cambian as cualificacións, que se calcularán facendo a media aritmética de cada un das materias. O valor vai entre 0 e 10 puntos con tres cifras decimais e a nota mínima é un 4.
A nota de acceso á universidade calcúlase sumando o 60% da nota media obtida en Bacharelato e o 40% das probas de acceso. Ten un valor de 0 a 10 con tres decimais e a mínima necesaria é un 5.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.