O Concello de Caldas de Reis vén de iniciar as obras de reforma no Pavillón Municipal de Deportes coa finalidade de crear uns novos vestiarios e habilitar unha sala polivalente baixo as gradas.
Os traballos obrigarán a pechar temporalmente as instalacións durante arredor de dez días, período no que se acometerán as demolicións máis importantes, segundo informou o tenente de alcalde, Manuel Fariña.
Unha vez finalizada esta primeira fase, a cancha volverá estar operativa de inmediato, o que permitirá que os clubs deportivos retomen a súa actividade ao longo da vindeira semana. Así mesmo, o alumnado dos centros educativos poderá volver utilizar a pista con normalidade tras as vacacións de Nadal.
Fariña achegouse este luns ao pavillón para dar o inicio simbólico das obras xunto ao histórico conserxe das instalacións e ao actual monitor deportivo.
Durante a visita, subliñou a vontade do Concello de minimizar as molestias tanto para os usuarios deportivos como para os colexios próximos, acordando coa empresa adxudicataria, a caldense Decor Rede Rivas SL, acelerar os traballos para reducir ao máximo o prazo de execución, fixado oficialmente en catro meses.
O Concello informou con antelación aos clubs usuarios da imposibilidade de adestrar durante esta semana e facilitou alternativas noutras instalacións municipais. No caso do club de baloncesto, foi trasladado provisionalmente ao Pavillón de San Clemente, coa previsión de regresar ao pavillón municipal unha vez a pista estea de novo operativa.
Segundo explicou o tenente de alcalde, o obxectivo é compatibilizar as obras coa actividade deportiva na medida do posible, aínda que os traballos de demolición iniciais supoñen riscos de seguridade debido ao uso de maquinaria pesada, o ruído e a calidade do aire. Unha vez retiradas as paredes e tabiques necesarios e acondicionada a cancha, os adestramentos poderán retomarse, aínda que os vestiarios non estarán dispoñibles ata a finalización da obra.
A adxudicataria organizará os traballos en dúas fases e en áreas diferenciadas, co compromiso de reducir o impacto acústico e evitar, na medida do posible, as actuacións durante o horario lectivo. Para iso, manterá unha comunicación constante co CPI Alfonso VII e co IES Aquis Celenis. Ademais, empregarase maquinaria específica, como secadoras industriais e sistemas de ventilación forzada, para axilizar os tempos de secado condicionados pola humidade propia desta época do ano.
A reforma permitirá unha redistribución integral do espazo baixo as gradas do pavillón, coa renovación completa dos vestiarios actuais, que presentan un notable estado de deterioro, para facelos máis accesibles e funcionais. Tamén se modernizarán as instalacións de fontanería, saneamento, electricidade e ventilación, adaptándoas á normativa vixente en materia de accesibilidade e sustentabilidade ambiental. O espazo restante aproveitarase para crear unha nova sala de usos múltiples que ampliará a oferta de actividades deportivas no municipio.